“Arbo, Vila da Lamprea” presentouse en Barcelona

O alcalde Horacio Gil encabeza unha delegación oficial para promover a Festa de Interese Turístico Internacional

Arbo | A vila de Arbo reafirmou hoxe en Barcelona o seu status de “Arbo, Vila da Lamprea, corazón dos viños Albariño e Condado”. Baixo o lema “Arbo: onde o tempo se detén e a historia saboréase”, o alcalde, Horacio Gil Expósito, presentou o 24 de marzo a LXVI edición da Festa da Lamprea, unha cita que transcende o gastronómico para converterse nun emblema cultural de Galicia a nivel mundial.

A promoción desenvolveuse en dous escenarios estratéxicos da capital catalá, logrando un impacto directo tanto no sector turístico e empresarial como na comunidad galega no exterior. A xornada comezou cun acto de alto nivel no Eurostars Grand Marina Hotel, organizado pola Asociación de Empresarios de Cataluña. Neste foro, que reuniu a personalidades da prensa especializada e a hostalería barcelonesa, o alcalde estivo acompañado por Xosé Manuel Merelles, Director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, e Cristina Lagé, Directora Xeneral de Turismo da Generalitat de Catalunya.

Durante este encontro, Horacio Gil destacou a capacidade de Arbo para transformar os seus acenos de identidade nun motor de desenvolvemento: “Soubemos converter a lamprea e o viño nun activo cultural, social e económico que hoxe nos sitúa con orgullo no mapa gastronómico internacional. Os esperamos en Arbo para brindar polo futuro. Porque Arbo é sabor, é historia, pero sobre todo, Arbo son 365 días de opor-tunidades.”, sinalou o rexedor durante a súa intervención. O segundo acto tivo lugar no emblemático Centro Galego de Barcelona, onde se deron cita autoridades de diversas administracións.

Entre os asistentes destacaron Pilar Ansede (Presidenta do Centro Galego), Xosé Carlos García (Presidente de Xuntanza de Cataluña), Pedro Aguilera (Comisionado do Concello de Barcelona), Romina María Fernández Pena (Directora de Turismo da Deputación de Pontevedra), Mª Carmen García-Calvillo (Subdelegada do Gobierno) e novamente o Director Xeral de Turismo de Galicia, ao acto tamén asistiron representantes de Centros Galegos situados na xeografía catalá, empresarios, autoridades locais, axencias de turismo e medios de comunicación.

Nun discurso cargado de emotividade, o alcalde Horacio Gil subliñou que a festa, que terá lugar do 24 ao 26 de abril, é a “alma dun pobo”: “Non estamos ante un simple evento no calendario; estamos ante un auténtico rito anual. A lamprea é unha reliquia biolóxica que sobreviviu séculos para alcanzar hoxe a súa máxima expresión culinaria nas nosas cociñas, fundíndose en harmonía cos prestixiosos viños das nosas adegas”, afirmou Gil.

O alcalde pechou a súa intervención rendendo homenaxe aos verdadeiros protagonistas da tradición: “Esta festa é o recoñecemento aos nosos pescadores, que desafían ao Miño nas milenarias pesqueiras; aos nosos viticultores e adegueiros, que converten o froito da terra en viños de prestixio; e a cada veciño que mantén viva esta herdanza”.

Máis aló dos actos institucionais, o alcalde mantivo unha intensa axenda de traballo con xerentes do sector turístico, axencias de viaxes e críticos gastronómicos. O obxectivo: presentar a Arbo como un destino de experiencias completas que axunta patrimonio, deporte de aventura e excelencia vitivinícola. Para deleite dos asistentes, un restaurante desprazado desde Arbo serviu o produto estrela “A LAMPREA” nas súas variedades máis tradicionais, maridado cos viños, espumosos e licores das adegas de Arbo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.