
Arbo | O río Miño, eixo vertebrador da vida económica, social e cultural de Arbo, configura unha contorna natural privilexiada que determina a personalidade produtiva do territorio. As súas augas, coñecidas pola calidade da lamprea, xunto aos seus afluentes, xeran un microclima singular con temperaturas suaves, humidade atlántica e chans fértiles que favorecen o cultivo de variedades autóctonas como Albariño, Treixadura e Loureiro.
Estas condicións permiten que os viños de Arbo alcancen unha expresión aromática única, frescura e equilibrio diferenciados, recoñecidos tanto no mercado nacional como internacional. Como subliña o alcalde Horacio Gil: “Arbo é natureza, tradición e excelencia. O Miño forma parte da nosa identidade e resulta determinante na calidade dos nosos produtos. Detrás de cada botella hai xeracións de traballo, coñecemento e compromiso coa terra”.
Á excelencia dos seus viños brancos súmase unha oferta diversificada que inclúe espumosos finos e elegantes, elaborados con rigor técnico e esmero artesanal, ideais para celebracións e ocasións especiais. A vendima, realizada en moito casos de maneira manual, garante a máxima calidade desde o viñedo ata a botella.
O sector vitivinícola desempeña un papel estratéxico no desenvolvemento local, xerando emprego, fixando poboación rural e fortalecendo a cultura gastronómica. O rexedor salienta: “Os nosos viños acompañan perfectamente a gastronomía local, desde a lamprea ata calquera prato tradicional galego. Pero, ademais, as nosas adegas son piares fundamentais do tecido económico e promoven o nome de Arbo máis aló das nosas fronteiras”.
Entre as adegas que participan na oferta vitivinícola e enoturística do municipio destacan: Pazo Pondal, Eidosela, Marqués de Vizhoja, Eidonovo, Carballal de Sande, Adegas Galegas, As Laxas, María Begoña Troncoso, Adega do Ricón, Chan de Vide e Adega Miguel Ángel Alonso, cuxa labor resulta esencial na promoción exterior do territorio.
Arbomostra e Festa da Lamprea: un escaparate de excelencia
Do 24 ao 26 de abril, coincidindo coa Festa da Lamprea, as adegas do municipio estarán presentes na Carpa Arbomostra, ofrecendo degustacións e mostrando a calidade das súas elaboracións. “Convidamos a veciños e visitantes a descubrir a nosa tradición vitivinícola e a combinar a lamprea cos excelentes viños de Arbo”, sinala o alcalde.
Con esta estratexia conxunta de promoción do patrimonio natural, gastronómico e vitivinícola, o Concello de Arbo reforza o seu compromiso cun desenvolvemento sostible vinculado ao territorio e consolida o seu liderado como destino imprescindible para os amantes do viño e a gastronomía.




