Arbo | O Concello de Arbo aprobou os seus orzamentos para o exercicio 2025, cunha planificación que reflicte un compromiso firme coa mellora dos servizos públicos, a estabilidade económica e o benestar dos veciños e veciñas de Arbo.
O orzamento aprobado polo plenario municipal, aprobado por unanimidade, elaborouse con rigor e precisión polo goberno arbense, tendo en conta as necesidades e demandas da poboación.
Os orzamentos tamén Inclúen unha asignación significativa para fortalecer os servizos públicos, cun balance que favorece o superávit, permitindo así reforzar as áreas sociais, culturais, deportivas e infraestruturas.
O alcalde Horacio Gil, destacou a importancia destes orzamentos ao sinalar que “este documento reflicte a nosa vontade de situar aos veciños e veciñas no centro da xestión diaria, priorizando o benestar e o desenvolvemento de Arbo. É un orzamento equilibrado e responsable que nos permite avanzar firme nas nosas políticas sociais e de infraestruturas, sen esquecer a estabilidade económica do noso municipio.”
Un dos aspectos destacados nestes orzamentos é o investimento en obras e proxectos que teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida en Arbo, pensados para os veciños e veciñas.
Os fondos están destinados a financiar obras relevantes e necesarias para o municipio, entre os que destacan a creación da nova Gardería Municipal, adquisición de parcela no Consistorio, Renovación do abastecemento e ampliación do Camiño na Abelenda, Mellora do acceso a Maraña, mellora dos Sendeiros turisticos, Mellora Camiño no Requeixo ou a compra de camión para recollida de Residuos co compromiso de ofrecer mellores condicións aos residentes e atraer novos residentes e investimentos.
A planificación tamén contempla un aumento nas subvencións destinadas ás asociacións como a Banda de Música de Arbo, o ARBO, C:F, Veteranos de Arbo, Asoc. Evaristo de Sela, A.C Barca de Loimil….., fortalecendo o seu labor e promovendo a colaboración en beneficio de toda a comunidade, así como ao Colexio C.E.I.P Antonio Carpinteriro e a Asoc. De Pais e Nais A Lumbre para a realización de actividades entre o alumnado arbense.
O alcalde resaltou que “Arbo vive un momento, caracterizado por unha estabilidade política e institucional que favorece o crecemento e a prosperidade. A boa xestión das contas públicas e o compromiso coas políticas sociais, culturais e de infraestruturas posicionan a Arbo nun escenario favorable para seguir progresando. A solidez orzamentaria permite realizar investimentos estratéxicos sen poñer en risco a estabilidade do municipio, e promove unha contorna de confianza para investidores e residentes por igual.”
En definitiva, os orzamentos municipais aprobados para 2025 en Arbo representan unha folla de ruta clara cara a un municipio en constante evolución, cunha xestión responsable que busca equilibrar as necesidades inmediatas e os obxectivos futuros. A aposta pola estabilidade, o investimento en infraestruturas e o fortalecemento das políticas sociais, culturais, deportivas, entre outras e que permitirá mellorar os servizos e a calidade de vida dos residentes.