Arbo adxudica a contratación da auditoría para a rede de saneamento

Cun importe de 18.149,33 € (IVE 21% incluído)

Arbo | O obxeto do contrato de servizo é para elaboración da “Auditoría da Rede de Saneamento para a detección de infiltracións do Concello de Arbo” , para dar cumprimento a lexislación vixente.

O Concello de Arbo atópase na provincia de Pontevedra e está formado por 132 núcleos, cunha poboación segundo padrón municipal a data de outubro de 3.479 habitantes.

O sistema de saneamento do concello de Arbo está formado por saneamentos independentes en cada núcleo os cales están conectados na súa maioría a EDAR, nalgún caso impulsado por ABAR e unha parte do núcleo de Correlo está conectado a unha Fosa Séptica (FS) e na Estación de Sela atópase outra e outra en Pontecabaleiros. A maioría dos núcleos habitados dispoñen dunha rede de saneamento e sistema de depuración.

Debido á orografía do terreo, a pendente natural fai que a rede de colectores drene cara á localización das EDAR ou Fosas Sépticas. Esta situación fai que só existan 5 Estacións de Bombeo.

En total existen 13 EDAR, 3 Fosas Sépticas e 5 EBAR, tanto as EDAR, como as Fosas Sépticas e os bombeos, atópanse distribuídas polos diferentes núcleos que conforman o concello e o propio núcleo urbano de ARBO.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as que os municipios exercerán competencias propias, entre as cales se atopan o abastecemento de auga potable e a evacuación e tratamento de augas residuais, e no artigo 26 os servizos que, como mínimo, deben prestar os concellos.

A obrigatoriedade de tales servizos establécese en función da poboación do municipio, aínda que o precepto sinalado establece un conxunto de servizos (entre os que se inclúen o abastecemento e a rede de sumidoiros) que deben ser prestados por todos os municipios.

As auditorías municipais son un instrumento eficaz para a identificación dos problemas
asociados á xestión das redes de saneamento. Identificar as principais entradas de augas brancas ou os puntos de alivio, é o primeiro paso para mellorar o funcionamento dos sistemas de saneamento e poder programar actuacións que, sendo en moitos casos de pouca entidade, permitirán mellorar significativamente a prestación dos servizos e contribuír ao cumprimento dos obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.