“Aquí levan séculos violentando a nosa expresión natural”

Carlos Callón | Autor de 'O libro negro da lingua galega'

Carlos Callón foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística até 2014. En 2022 lanza o seu documento de investigación O libro negro da lingua galega (Edicións Xerais). Callón fai un percorrido desde o século XVI até case finais do século XX sobre a represión contra a lingua galega exercida por parte das distintas autoridades eclesiásticas, civís e militares en territorio galego. Descobre así os diferentes xeitos punitivos contra galegofalantes durante os últimos 500 anos e coma aínda hoxe é posible observar ataques virulentos, mais non tanto físicos coma sociais, contra o galego. Falamos brevemente con el deste seu traballo, o primeiro desta materia escrito en Galicia.

Nunha presentación do teu libro dicías que era o primeiro dete tipo realizado en Galicia, cousa que xa sucedera co éuscara e o catalán. Porque no se realizou este traballo co galego hai xa anos?
O motivo fundamental é que, nos últimos corenta anos, tanto en Cataluña coma no País Vasco estiveron aproveitando os resortes institucionais que tiñan ao seu favor para recuperar os seus idiomas. Potenciaron o seu ensino ou potenciaron a través de axudas públicas a súa difusión e normalización. Co galego iso non aconteceu; durante a maioría da etapa democrática houbo políticas lingüísticas que estiveron lonxe de cumprir os mínimos esixidos polo Estatuto de Autonomía ou pola Lei de Normalización Lingüística. Isto é o que fai que o galego, en moitos ámbitos, estea por detrás.

É curioso ver como desde o século XV até o día de hoxe hai un ataque moi forte contra o noso idioma.
Podémolo ver nos documentos da corte dos propios Reis Católicos. Estes monarcas buscaban ter un imperio único e que ese Imperio de Castela tivese unha lingua única. Eles entenden que debe ser unha mostra de poder. Durante esa época histórica non todos os reis e raíñas pensaban o mesmo. Non todos os imperios pensaban o mesmo, para moitos o feito de ter varias linguas no seu territorio era una mostra do seu poder. Isto non ocorría na corte de Isabel de Castela, onde se cría que para manter a unidade política había que manter a unidade lingüística. Por tanto, non é casualidade ese tipo de políticas contrarias ao noso idioma. En 1480 o que se produce é a prohibición de que os escribáns de usar o galego. A partir desa data quen queira ser escribán deberá realizar un exame en Valladolid para realizar documentos en castelán.

“A historia do galego dende finais da Idade Media e a dun idioma atacado”

Todas estas accións contra o noso idioma, de que maneira influíron na súa evolución?
A historia do galego dende finais da Idade Media e a dun idioma atacado, cercado e por tanto iso inflúe na vitalidade social e termos unha lingua máis de noso, pois temos unha lingua moi ferida chea de castelanismos. Por exemplo, eu entendo que o galego e o portugués forman parte dun mesmo sistema lingüístico, cada un coa súa personalidade. A diferenza fundamental entre o galego e o portugués non e lingüística. Ao sur do río Miño non lles batían por falaren na súa lingua e non lles queimaban os libros por estaren escritos na súa lingua.

Queimáronse libros en galego a finaís da Idade Media?
Non, iso non aconteceu. Produciuse unha perda documental mais non nese sentido. Eu referíame ao longo da historia. As queimas de libros en galego que temos documentadas producíronse no século XX. A perda de documentación en galego da Idade Media digamos que hai moitos elementos, mais vai ser un asunto diferente. Un elemento importante sobre o que hai que reflexionar é como o galego, unha das linguas trobadorescas máis importantes de Europa, e que no entanto non conservemos en Galicia nin un só verso escrito en galego na Idade Media? Todo o tesouro escrito en galego durante esa época está fóra de Galicia. Polo menos, preguntármonos en voz alta os motivos paga a pena.

Non quedou ningún en Galicia para do reino de Galicia?
Ningún. Quedan os códices en Italia e en Portugal mais aquí ningún. Entón, que pasou nas casas dos nobres galegos? Non foi unha persecución directa á lingua de Galicia senón una persecución política dentro do reino de Galicia, de ver como miles se tiveron que exiliar tras a conquista dos Reis Católicos e logo moitos foron asasinados. Eu niso non entro no libro, digamos que en particular e en concreto cando o motivo é a lingua.

Había zonas onde a represión contra o galego era máis virulenta que outras?
Non, ai o importante era a lingua, non importaban os trazos dialectais. O que si me chamou a atención mentres elaboraba este libro, foi que se poidan documentar agresións físicas dende o século XVI até o século XX, iso nin ocorre no País Vasco nin en Cataluña porque a represión lingüística comezou moito antes en Galicia. Mesmo cando rematei o libro seguiron chegándome casos coma o dun rapaz nos anos 20 do século pasado que fora castigado de maneira moi violenta.

Chegoume o caso dunha señora do Berbés que nos anos 50 fora atada a unha cadeira durante toda a aula por falar en galego. Esta muller normalmente non era galegofalante, mais como era medio rabuda, deulle por falar en galego coa profesora e está atouna a “La silla del castellano”. Castigos como suxeitar unha moeda co nariz contra a parede, poñerse de xeonllos sobre fabas ou garavanzos. Tamén había outro castigo que eu non coñecía antes de escribir o libro, era colocar una pedra no peto. Por cada palabra edición en galego e ó final do día facíanlles correr, así co peso das pedras caíanlles os pantalóns, por tanto pasaban unha vergoña adicional. Son moi numerosos os casos e continuos ao longo do tempo. Isto non ocorría só no franquismo senón que viña dende o século XVI e até o século XX. O último que eu recollín sucedeu en 1980.

E aínda así deberon seguir habendo castigos.
Deberon, mais doutra maneira. O que máis recollín foron burlas, Máis casos de violencia física por falar en galego non recollín a partir de 1980.

“A día de hoxe somos herdeiros desa violencia que se exerceu e por tanto, a perda do galego non é algo espontáneo”

Hoxe en día cales serían as maneiras máis violentas de trataren aos galegofalantes?
Lembro agora os castigos nalgún seminario como de Lugo, onde se colocaba un anel a quen falaba ou dicía una palabra en galego, mesmo había sancións económicas ou baixar as notas dos seminaristas. Houbo un tamén que me chamou a atención, foi nos anos 60. Lembra Xesús Ferro Ruibal que durante uns encontros espirituais no seminario de Santiago dixeron que por cada vez que falasen en galego debían poñer medio día de cilicio. A día de hoxe somos herdeiros desa violencia que se exerceu e por tanto, a perda do galego non é algo espontáneo. Aquí levan séculos violentando a nosa expresión natural.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.