Aprobado no pleno o proxecto de reforma da Praza Bugallal

O goberno prevé a realización da obra despois de Corpus

Ponteareas | O goberno de Ponteareas aproba no pleno o proxecto de intervención na praza Bugallal e a súa contorna. Un proxecto que contempla unha actuación integral que perdure no tempo realizando actuacións non só estéticas e de distribución do espazo se non tamén de canalización de subministros e de servizos de saneamento.
As obras da praza Bugallal serán licitadas en canto se reciba a autorización da xefatura territorial da consellería de Cultura e Turismo que xa ten dende o mes de febreiro os informes técnicos e o proxecto definitivo e executadas unha vez pase a festividade do Corpus.

Logo dun proceso de participación no que se estudou detalladamente o proxecto coa veciñanza, parroquia, alfombristas e comerciantes, realizáronse modificacións no proxecto inicial que satisfan todas as necesidades e permiten unha actuación máis eficaz.

Nestes meses tamén se realizaron catas para analizar o subsolo de xeito que o proxecto tamén contempla todas as actuacións necesarias como conducións de saneamento, augas pluviais e demais servizos soterrados para que unha vez feita a obra non se precise acceder en moitos anos.

A reforma da praza Bugallal contempla a canalización e ocultación de cableado e tubaxes dos diferentes subministros.

A obra terá un custo de 770.000 euros e conta con financiación do fondo europeo de desenvolvemento rexional (EEDER) da Unión Europea, dentro da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable”.