Ponteareas | O Concello de Ponteareas presentou a programación anual de actividades educativas e culturais que se deseñan dende a Concellería de Ensino para enriquecer e completar a aprendizaxe a través de propostas lúdico educativas.
Con máis de 20 propostas variadas organizadas por meses abarca dende obradoiros de teatro inmersivos, visitas guiadas a exposicións de arte contemporánea, proxectos de educación ambiental con saídas ao campo e seminarios sobre saúde e benestar. As actividades desenvolveranse en espazos públicos, naturais ou culturais coa intención de aprender tamén fóra das aulas e a posta en valor dos moitos recursos que se poden atopar no concello. Algunhas delas tamén se ofrecerán para impartir nas aulas.
Explica o concelleiro de Ensino e Letras, Ricardo González, que “para facilitar a planificación estratéxica e a efectiva coordinación por parte dos centros educativos facilítase aos medios unha proposta seccionada por meses e detallada”.
O Concello presentou o programa nunha reunión de traballo coas directivas dos centros educativos locais, coa FANPO e coas ANPAs. O programa anual municipal de actividades educativas ofrece propostas para alumnado pero tamén algunhas nas que poden participar as familias, abarca un importante abano de disciplinas. e fomenta a aprendizaxe dende distintas perspectivas. “Trátase de espertar a curiosidade, de fomentar a aprendizaxe dende distintas perspectivas, que saiban que se detrás do cotidiá hai ciencia, organización, tecnoloxía, relatos, arte… Sen saír da súa vila poden explorar e coñecer procesos industriais, ecolóxicos ou artísticos, unha visita á nova EDAR é unha completa aprendizaxe transversal, o coñecemento das obras de artistas locais, participar en propostas que chegan de fóra…”.
Na reunión, Concello e comunidade educativa estudaron o calendario proposto pola concelleira que tamén ofreceu actividades a demanda que os centros educativos poden solicitar adaptándose ás necesidades de cada comunidade escolar fomentando as aprendizaxes significativas.
Aprendizaxe en cada recuncho
O programa de actividades promove o coñecemento en todas as súas áreas aproveitando tanto os recursos locais como novidosas iniciativas.
Neste primeiro trimestre do curso escolar ofertarase teatro da man do proxecto internacional “Ocupación Miñota” en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), o Centro Dramático Galego (CDG) e Comedias do Minho. O alumnado tamén poderá beneficiarse de actividades de educación ambiental en campo, exposición de ilustracións como a de “Seraogna, 50 anos” en Artistea, actividades prácticas en campo sobre o ciclo da auga en Xinzo, exposicións de pintura como “Os Monos de Laxeiro” unha das series máis recoñecidas do famoso pintor galego ou micro obradoiros de relato.
O segundo trimestre comezará con programas de educación sexual, obradoiros creativos, de deseño de xoias, xornadas de teatro da FANPO, danza e preparación do entroido. Tamén poderán participar no simuladro de accidentes e en talleres de igualdade. Volverá tamén a Feira das Ensinanzas Profesionais “Formatea” que este ano quere abrir novas ventás a alumnado de bacharalato e formación profesional básica. O segundo trimestre tamén contará cun escape room.
A recta final do curso irá da man do novidoso torneo de oratoria, celebrará o Día da Saúde, talleres de reciclaxe de Corpus, redeseño dos espazos urbanos, xornada das ciencias e o día da saúde así como cita coa Feira dos Minerais en Guláns.