Segundo médicos, biólogos e directores de bancos de seme, temos un problema coa diminución da cantidade, da calidade e do número de doazóns de esperma a nivel mundial. Sen ir máis lonxe, en Vigo só un de cada 10 candidatos pasan os niveis de aptitude.
Para visibilizar o problema, celebrouse en Los Ángeles, a primeira carreira de espermatozoides do mundo. Segundo os organizadores a proba foi un éxito. O esperma do velocista Milker (tradución: produtor de leite) foi o vencedor. Xogaba na casa, e iso fíxose notar na grada, cun público enfervorizado que o levou en volandas cara a meta. Os cronistas destacan que a emoción mantívose ata o final, xa que tivo que recorrerse a foto finish para saber cal dos dous gametos cruzou primeiro a liña de chegada. Polos pelos púbicos, gañou o xogador local. Unha vez rematada a carreira, fíxose o correspondente control antidopaxe, no cal non se detectaron esteroides anabólicos nin outras sustancias prohibidas.
Así e todo, ser o gañador da proba de velocidade en Estados Unidos non sería suficiente para que os gametos de Tristan Milker fosen seleccionados en España. Aquí o “corredor” americano non remataría a carreira de obstáculos á que se somete aos participantes.
Segundo manifestaba no Faro de Vigo o director do banco de seme da cidade olívica, Elkin Muñoz —cito textualmente—: “No puede haber rasgos fenotípicos contrarios a la población española. No importa si a los futuros progenitores les da igual”. Ademais, podíase ler no artigo de divulgación, que tampouco lles vales se es baixo, se tes uns kg de máis ou se te pillaron mangando nalgunha ocasión. Non che digo nada se descobren que de rapaz pilláronte roubando no Corte Inglés por ser curto de pernas e recheiño. “E este parvo quere ter fillos”, pensarán.
“Os requisitos esixidos parece que están feitos por unha Federación Española de Atletismo Seminal, cuxo equipo directivo está conformado por membros de Vox e do Partido Popular”
Os requisitos esixidos parece que están feitos por unha Federación Española de Atletismo Seminal, cuxo equipo directivo está conformado por membros de Vox e do Partido Popular, tal e como sucede no fútbol profesional. Pregúntome se vamos en busca da pureza racial, na que a poboación española sexa branca, alta, loira, forte e guapa..
Pero é que aínda hai máis. Se analizamos o punto no que se descarta as persoas con condutas anómalas, non quero nin pensar que algún día Montoro, Feijoo, Cerdán, Ábalos ou Koldo pasasen polo banco —o de seme refírome—. Menciono a estas persoas porque, ata hai nada, eran consideradas exemplares.
Como detectar entón unha conduta anómala? Hai que esperar a unha sentencia xudicial para poder considerar que os espermatozoides conxelados de Montoro sexan válidos? Se gaña o xuízo admítese e, se o perde, non?
O listado de descartes tamén menciona que os candidatos non poden ter problemas testiculares, polo que todos aqueles que teñan as gónadas á mesma altura e estean pensando en facer unha doazón non deben preocuparse, porque non está considerado como unha patoloxía. A pesares de que o roce entre os dous testículos é incómodo, non afecta á calidade do seme.
Máis motivos polos que podes ser excluído son os seguintes: ser adoptado, que en cada mililitro de seme non haxa bastante máis de 16 millóns de espermatozoides ou que os teus pais teñan enfermidades, aínda que non sexan de carácter hereditario. Pode darse o caso no que o doante sexa un deportista de elite san e que non poida doar porque os seus pais tiveron unha enfermidade imposible de transmitir.
A toda esta xincana só lle falta que aconsellen á xente en que pensar no momento da doazón, para evitar o risco de que o bebé teña rasgos fenotípicos contrarios á poboación española ou que nas igrexas obríguese a cantar o tema de Siniestro Total “Al que eyacula Dios le ayuda” para ver se así se obra a milagre.