Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura: "O Gaiás debe ser un lugar de consumo cultural, pero tamén de produción de ideas"

Santiago – X.A.R./AGN | Anxo Lorenzo di que a maior dificultade que hai nun sector no que se ten responsabilide “é cando hai moitos temas diferentes cada un coas súas peculiaridades”. É o caso. Tras asumir o encargo do decreto das linguas no ensino, cambiou hai dous meses a Secretaría Xeral de Política Lingüística pola de Cultura, na que toca desde o audivisual ao patrimonio, e tamén a Cidade da Cultura. Además, en tempos de axustes.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura | Foto: JESSICA BARCALA / AGN
Parece que lle gustan as encomendas comprometidas…
Política Lingüística tivo o decreto, que foi un proceso complexo. E neste momento, nun contexto de dificultade e de restrición, non hai ningún tema fácil.
Que tal a acollida do sector, os primeiros contactos?
Non teño ningunha queixa. Ao revés, noto interese por traballar de maneira conxunta. Evidentemente, hai cuestións para tratar con certo coidado, como a dos cartos por aboar de actividades do 2011, e queremos regularizalo canto antes.
Como está ese tema? A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) tiña pendentes pagos ao audivisual ou ao teatro.
O ano pasado pechouse o exercicio orzamentario en setembro e houbo que diferir pagamentos a 2012. E, no ámbito de Agadic, hai pagamentos por realizar que corresponden ao primeiro terzo deste ano. Entendo que a xente quere cobrar canto antes, e xa se está pagando. O proceso levará ata finais de marzo.
Tamén terá que presentar en breve o plan para o Gaiás, hai data?
A Cidade da Cultura ten unha enorme potencialidade e debe ter un plan detrás, a ser posible a oito ou dez anos vista. Hai que presentarlle á cidadanía un plan estratéxico ben feito, cun plan de explotación e de viabilidade económica e social. Polo tanto, debe presentarse cando estea perfectamente acabado.
Non está acabado? Anunciárase para novembro, e aprazárase pola coincidencia coa campaña electoral.
Non está acabado. Un plan estratéxico ten que estar ben cerrado en tódalas súas partes. Cando o estea presentarase. ¿Cando? Non o sei. Nas próximas semanas, meses.
Como se pode facer rendible o Gaiás, económica e socialmente?
Ten que ser un polo de desenvolvemento económico. Ata agora entendíase como un lugar de consumo cultural, para asistir a cousas. Esa é unha función importante que hai que seguir tendo, pero o Gaiás tamén ten que ser un lugar de produción, de ideas para as industrias culturais de Galicia, de debates.
Como se fai iso? O complexo pode ser un espazo para crear?
Se xuntamos nun mesmo espazo empresas, creadores e público, de aí pode saír absolutamente de todo. No plan estratéxico indicaranse liñas que se poden explorar.
Un dos desafíos no Gaiás é darlle contidos. É agora máis difícil, pensando en exposicións, en fondos?
A biblioteca estase dotando con fondos e estase realizando un proceso de dixitalización dun calado tremendo, de legados. En canto ao museo, inaugúrase oficialmente a mediados de ano coa exposición Gallaecia Petrea. Se terá ou non colección permanente, haberá que definilo. En principio para este ano, e probablemente 2013, non.
Como se pode conseguir a viabilidade económica do complexo?
Tamén estará no plan estratéxico. Hai que facer fincapé en que o 75% do diñeiro para as actividades culturais pono a Fundación Gaiás, a fundación privada na que están empresas. Este ano temos para programación cultural 4,6 millóns, dos que 3,5 son da Fundación Gaiás e 1,1 da pública. É unha fórmula que debe seguir funcionando así.
O obxectivo é manter ese reparto?
Veremos outros detalles co plan. O Gaiás ten potencial para xerar ingresos por diferentes lugares.
Sen cobrar no museo, por exemplo.
Non está contemplado cobrar de maneira regular. A vía fundamental ten que ser sempre o patrocinio.
Se non se fan os dous edificios paralizados, o complexo queda coxo, ten máis difícil a viabilidade…?
O Gaiás terá catro edificios a pleno rendemento este ano e a Xunta decidiu paralizar os dous que quedan por facer, tendo en conta que así aforramos 70 millóns. No 2014, noutra situación, o Goberno que estea decidirá qué facer. No caso de que non se cheguen a construír, o lóxico será tomar decisións para que nese espazo haxa algunha utilización, aínda que sexa unha actuación puramente paisaxística.
A posibilidad de non facelos parece agora máis aberta ca antes…
Temos catro edificios. Temos un plan que vai especificar un modelo de uso, de negocio, de explotación. E se se decide facer os dous edificios, un ou ningún, creo que o proxecto estará perfectamente cerrado en calquera circunstancia.
Máis aló do Gaiás, adiantou que Cultura terá que ser “selectiva” á hora de axudar aos distintos sectores.
Non dixen exactamente iso, pero a idea é que no ámbito da cultura hai moitos sectores e dentro de cada un temos que establecer prioridades do que é máis urxente ou máis necesario, escoitando a todo mundo. Sen deixar de atender ningún sector.
Cales son as grandes prioridades?
Falando de grandes liñas, Agadic ten que ser o elemento central da acción cara ás industrias culturais en tanto que industrias, e hai que reforzala. A maior parte dos sectores da cultura galega, se non todos, teñen que interpretarse, e reinterpretarse, en clave industrial, de empresas que levan a cabo un traballo que xera riqueza e emprego, e que aínda pode xerar máis. E hai moitas máis prioridades, como o patrimonio e a lectura, que é industria –e apoiaremos a través de Agadic– pero tamén outra cousa. A lei de bibliotecas, no Parlamento, é un feito importante.
Ademais de con axudas, como se pode impulsar esa industria?
Unha vía é animando os nosos produtores culturais a internacionalizarse e a vender os produtos fóra. De feito, temos un convenio co Igape para o audiovisual. E á industria editorial acompañámola a feiras… Son exemplos de como podemos propiciar novas canles para fortalecer a industria cultural.
Teñen pendente a nova lei de patrimonio cultural.
Ímola introducir no Parlamento antes de que remate a lexislatura e a ver se dá tempo a aprobala antes de que acabe. A lei do 95 necesita unha actualización, e imos propiciar a elaboración dun marco legal que lle dea cobertura con máis actualidade ao labor de conservación, recuperación e difusión do patrimonio cultural galego.
Como se pode mellorar a protección e a conservación?
A maioría do patrimonio ten responsables. E de quen depende o equipamento debe ser o primeiro responsable do seu mantemento, conservación e difusión. Despois, a Xunta colabora. De nós dependen algúns equipamentos, e noutros casos o que facemos é colaborar. Un exemplo claro é o da Igrexa. A Xunta bota unha man, como nas catedrais e no plan Igrexa Segura, que agardamos presentar en breve.