Ano novo, eleccións á vista, vida nova?

O de novo é unha verdade coma un templo; o de eleccións á vista tamén; o de vida nova xa é outro cantar.

Nos últimos anos espertamos con novas noticias sempre referidas a guerras ou abusos dos máis ricos sobre os máis pobres. Os avances científicos, que os hai, non están pensados para que sexamos máis felices, en tal caso para que duremos mais tempo pero non para que desfrutemos máis da vida.

Aí temos aos “nosos amigos” os grandes bancos. Entre os cinco máis grandes dinnos que só gañaron 26.000 millóns de euros o pasado ano; só un 27% mais que no ano anterior. Mais ou menos como cada un de nós. Ana Botín do Santander dixo que o pasado ano fora bo pero que este aínda vai ser mellor. Só ten unha queixa que facer: o goberno actual quere cobrarlle o 3% desas ganancias e iso parécelle un abuso. Iso dos impostos queda para os currantes que non sabemos que facer cos cartos.

“Aí temos aos ‘nosos amigos’ os grandes bancos”

A min, por exemplo, descóntanme un 17% dunha mísera pensión, pero a Sra. Botín non se lle pode cobrar ese 3% porque lle desestabiliza as súas contas.. aínda que ese imposto sexa só sobre os grandes beneficios. O seu banco tería que pagar sobre 338 millóns de euros, que para esta señora é unha barbaridade. Para que se fagan unha idea en que campo de xogo se moven estes/as banqueiros: o presidente de CaixaBank, José Ignacio Goirigolzarri vai triplicar o soldo este ano; dos 500,000 euros que cobrou no ano 2020 en Bankia vai pasar a cobrar este ano 1.66 millóns de euros. Claro que ten que despedir, que o vai facer, a 7.790 traballadores que irían ao paro e cobrarían con sorte pouco mais de mil euros, pero iso non é un problema deste banqueiro simpático e amable.

Os políticos téñenos entretidos coa famosa amnistía. Algo así como a noticia máis importante das nosas vidas sen a que non poderemos seguir vivindo, entre outras cousas porque España, esa España grande e libre que algúns lembramos dos nosos tempos mozos, vaise romper. O conservadores quérena conservar intacta, tal como nolo deixou Franco. Eles son os defensores das esencias puras do nacionalismo patrio. Nós somos uns atrevidos rompedores de patrias que so queremos andar en líos e desestabilizar o País.

O Presidente do goberno, un tal Pedro Sánchez, que teñen apaleado, en forma figurada, insultado, en forma real, e que lle din de todo está pillado entre os conservadores de España e os que din que España lles trae ao pairo. Non sabe a que aterse. Se lle fai caso a Feijóo ten que pasar á Oposición; senón lle fai caso ten que sufrir os delirios de grandeza de partidos cataláns que pensan que todo campo é orégano e non lles importa que pase co goberno actual.

Amnistías. Palabra demonizada que está en boca de todos aínda que poucos se enteran de que estamos a falar. A historia de España está chea de amnistías. Dende as amnistías do Trienio constitucional para paliar a represión de Fernando VII durante o primeiro período absolutista; os 2 decretos que ditou a viúva deste gobernante en outubro de 1832 e febreiro de 1833 ; o Abrazo de Vergara que comportaba unha amnistía para os alzados carlistas; a amnistía que ditouno goberno de Joaquin María López para os fugados tralo intento de secuestro da Raíña Isabel II en outubro de 1842, ata a amnistía en tempos do goberno provisional da República, a lei que ditou para liberar aos sublevados de 10 de agosto de 1932 e, por último, a que se ditou en 1977 dirixida por igual as vítimas do franquismo e aso seus represores. Só a ditadura Franquista non ditou amnistías; deu no seu lugar cicateiros indultos para baleirar as prisións porque xa non tiña onde meter a tantos españoles /as que foron detidos polas súas ideas políticas. En Francia o Xeneral De Gaulle amnistiou aos terroristas da OAS e o mesmo fixo o goberno británico tralos acordos de paz de Irlanda.

“Amnistías. Palabra demonizada que está en boca de todos aínda que poucos se enteran de que estamos a falar”

Esta información debería facer reflexionar a tantos “españolitos de boa fe”, remediando a Miguel Hernández, aos que lle están comendo o coco dicindo que esta amnistía que pretende conceder este Goberno é unha aberración xurídica, un erro político.
A dereita bufa contra as amnistías políticas pero non así contra as amnistías fiscais concedidas polos gobernos conservadores. En 2012 con Mariano Rajoy no goberno, o ministro Montoro concedeu amnistías aos ricos, aos que tiñan a pasta fora do País e non cotizaban por ela. Claro que esas medidas de gracia eran para os ricos porque os traballadores ou funcionarios que coño ían ter no estranxeiro. En fin, que aquí os de sempre, tomando medidas de sempre para amparar as falcatruadas dos seus. Logo cando un goberno se lle ocorre tomar una medida deste tipo pata tentar apaciguar unha zona do Estado tan importante como Cataluña entón bótanse as mans á cabeza e utilizan tódolos mecanismos ao seu alcance para que fracase.

Pero estamos en campaña e algo teremos que dicir sobre o particular.

De entrada mostrar a miña estrañeza sobre como os dirixentes da TVG fixeron o reparto entre os partidos que se presentan. De entrada vai dedicar o 50% menos de audiencia que en outras eleccións semellantes. Curiosamente a VOX, partido co que os populares gobernan en montón de sitios, apenas lles dedica tempo. Terá isto algo a ver con que esta opción política poderá arañarlles un cantos miles de votos que irían ao PP e que poderán facerlle perder a maioría? É só unha hipótese pero ten mostras de ser acertada.. en cambio si lle dedica tempo a Podemos a e Sumar esperando, pensamos nós, que os votos que estes partidos poidan arañar son votos que non van parar ao BNG, a “besta negra” que os populares teñen enfronte.

O mesmo están facendo os grandes medios escritos. Días pasados un xornal galego de grande tirada dedicaba dúas paxinas enteiras a Podemos. Algo raro para un partido que apenas ten presenza nesta comunidade; sen embargo aos socialistas e ao BNG apenas lle dedicaba nese mesmo número un cuarto de páxina a ada un deles.

“Para o PP o que lle vai ben é a abstención. Canto maior sexa, mellores resultados colleita”

Para o PP o que lle vai ben é a abstención. Canto maior sexa, mellores resultados colleita. Se aos galegos se se lles ocorre ir a votar en masa, o PP ten perdida a Xunta. Isto non o dicimos por dicir. Está demostrado como durante os últimos anos de eleccións canto maior foi a abstención mellores foron os resultados dos populares.

Nos debates electorais que vimos de presenciar estiveron os tres grandes: PP, PSdeG-PSOE e BNG acompañados por Podemos e Sumar, pero non houbo lugar nin para VIOX nin para Democracia Ourensana. Curiosamente os dous partidos que lle poden restar votos aos populares. Isto chamase xogar e dar cartas. Tanto Sumar coma Podemos terán 5 minutos de entrevistas aínda que non teñen representación no Parlamento Galego; en os dous partidos terán un minuto mais que o candidato dos socialistas Besteiro con 14 deputados, e so un minuto menos do tempo que duraría a entrevista a Pontón con 19 deputados. Sen embargo Rueda, candidato popular, terá el soíño 20 minutos de entrevista.

Isto é o que se chama en clave “pepera” unha filosofía de repartir e dar cartas marcadas, claro.

Esperamos que os galegos superen estes triquiñuelas dos que mandan e vaian a votar polos seus candidatos preferidos sen ter en conta estas trabas coas que se van, xa se están, encontrando.

A votar e que Galicia gañe.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»