Andainas que contan anos.

Certamente como se fose un milagre sucede este aniversario das Novas do Eixo Atlántico. Debémonos conceder os parabéns por manter unha liña de edición tal como a que habitualmente se presenta, humilde pero en dignidade, que non é pouco. E ademais na contestación de voces diferentes baixo a dignísima representación do noso idioma, sexa como sexa.

Ás veces penso que escribimos moitas persoas do circuíto de lobos solitarios, vixiantes precisamente da outra cara da moeda, que teimamos saír ao paso do que din os oficialistas, os que formalizaron a escrita dalgún xeito máis doméstico, case no rigor da rutina. Semellan do mesmo coro e no mesmo refrán, pero aquí non. Somos voces discrepantes coa actualidade, que se nos manifesta maioritariamente noutros medios moito máis apaisados e activos, niso do puntual adoutrinamento de masas e comecocos.

Nós imos por libre, solitarios lobicáns que preguntamos e respondemos outras cousas que resultan non ser as que todos preguntan e responden, que sabemos que nada se pode dicir cando alguén se axeonlla escoitando ladaíñas e solicitando subvencións, desas que xa se globalizaron na tentadora rede do amparo oficial. Non, nas NEA saen as cuestións grises, que tanto humanizan e que van co vento navegar espazos, que saen do anonimato dun teclado que sacrifica verbas en pro de comunicar outra versión á par da oficial, tantas veces pactada, pero que fala da xente que non ten eco, anque sente e sofre. Non agardamos a palmadiña no lombo de ninguén, non imos darlle xabón ao político de marras, nin ao líder de opinión, nin ao artista famoso, nin ao científico-empresario de moda.

Trátase de verificar que estamos vivos, pouco máis. Que estamos na cubicación do entusiasmo, da ilusión de buscar novas fórmulas que nos conduzan, sen esquecer de onde vimos nin quen somos. De atoparnos. Non queremos que se normalicen os abusos, cómpre a reflexión tamén nas dificultades e nos defectos, na posibilidade de engancharnos na esperanza, defendendo vítimas silandeiras destes grises gobernos que nos tocaron, onde habitamos a mediocridade e superficialidade, esa que ao mesmo tempo permite a soidade, o medo, o silenzo no relato, a mudez de tanto venerable intelectual que cala e consente.

Nós somos os que escolleremos ser cando temos vontade de ser, porque tamén nola roubaron a base de insultos, menosprezos e complexos. Temos que recuperala para ser quen somos, para ir máis alá dos nosos traumas, das incontables dores, das limitacións que nos impoñen. Para ser e atoparnos na Nosa Lingua, na nosa paisaxe respectuosa e respectada, activistas do noso e do respecto debido, da xustiza equitativa dos dereitos non especulativos, para reintegrarnos no orgullo de aventar futuro ilusionado, con dereito a vivir en dignidade sen ter que agardar a que nolo concedan en formato de transferencias, aquelas que nos asegundan en anacos que sobraron e que sempre nos impedirán auto xestionarnos, nese paradigma permanente de dependencia económica e legal que esquece as normas da convivencia sen hostilidades, sen disxuntivas nin banalizacións, sen os amaños aos que nos teñen afeitos e aos sobres en negro nos que habilmente se expresan. Pois detrás desas prácticas hai sempre inmorais petitorios de silenzo, que todo mercan e todo venden, deixando un ronsel de nomes e de persoas corruptas.

“O importante tema da Lingua, da Nosa Lingua. Sublime expresión que nos identifica pero onde non damos saído”

O importante tema da Lingua, da Nosa Lingua. Sublime expresión que nos identifica pero onde non damos saído. Será que está desequilibrada a balanza? Seguro. Ben sabemos. Ademais conflúen moitas razóns invasoras de leis de media polaina, de regulamentos trampeados, de medios de comunicación arrogantes, de políticos que abandonaron o tema e teñen outras prioridades, das tantas propagandas en beneficio alleo, do mundo que se nos bota enriba coas súas ofertas falsas, as que nos anulan e nos minimizan.

E a lusofonía, todo ese mundo tan próximo a nós, está aí como táboa de salvación que nos redima e console neste desespero cargado de desprezos. Porque pode e por non depender das autorizacións bastardas dun estado que non nos considera nin inclúe, que desbota, que vai sempre en sobrada preferencia.

Menos mal que nos celebramos este ano, celebrámonos en D. Paco Fernández del Riego, quen desde o tesón e puntual disciplina fixo didáctica da sabedoría da Patria, pousada en lucidez e enraizada no entusiasmo, tal que desde o rigor fíxose forxador da nosa identidade nacional e activista da galeguidade. Que mellor semente de vencer?

Mestre e músico.