Ames presentou o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)

A desenvolverse entre 2022 e 2029
O alcalde de Ames, Blas García e a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez durante a presentación do PMUS.

Ames | Este 20 de setembro presentáronse en Ames as principais liñas de actuación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. Un plan que pretende sentar as bases dunha nova cultura onde o peón se converta no principal protagonista e se relegue o uso do transporte privado.

O PMUS concrétase en doce programas de actuación que se van desenvolver entre o 2022 e o 2029. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

As conclusións e as principais liñas de actuación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible presentáronse, esta mañá, no Pazo da Peregrina. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; o Coordinador do proxecto, Ramón Codesido e o Director do proxecto Guillermo Maldonado.

O proxecto do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames recolle a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade, así como tamén os diferentes programas de actuación a realizar e o plan de seguimento, ademais de incluír as suxestións presentadas no período de participación pública.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, comezou explicando que é e que representa para Ames o PMUS “este plan é un documento estratéxico que nos presenta as liñas de actuación para levar a cabo a corto, medio e longo prazo no noso concello. O PMUS intenta cambiar o deseño da nosa cidade, xa que, se nos anos 80 as cidades xiraban ao redor dos vehículos privados con este novo modelo queremos que a cidade xire ao redor das persoas”.

“O PMUS intenta cambiar o deseño da nosa cidade, xa que, se nos anos 80 as cidades xiraban ao redor dos vehículos privados con este novo modelo queremos que a cidade xire ao redor das persoas

Ademais, aínda que, o PMUS é un plan de mobilidade urbano “é un documento para todos que tamén inclúe o rural pois intenta vertebrar a todo o concello cun plan de transporte urbano” aclarou a concelleira.

Martínez engadiu que “se trata dun documento vivo que irá cambiando ao longo dos anos para adaptarse ás novas normas da Unión Europea”.

Pola súa banda, o Coordinador do proxecto, Ramón Codesido, presentou as principais conclusións do estudo e das enquisas realizadas. Codesido destacou a cultura arraigada do uso dos vehículos privados en Ames onde “o 79% dos movementos rexistrados se realizan co transporte privado fronte ao 14% do uso do transporte público.

O coche e o transporte público empréganse para os desprazamentos obrigados coma traballo e estudos reservando o transporte a pé para o ocio ou realizar compras”. Codesido engadiu que hai un fluxo moi importante de movemento entre Ames e os concellos limítrofes onde destaca que “o 40% das viaxes teñen coma orixe ou destino Santiago de Compostela”.

Unha vez rematado o estudo estableceron como meta acadar un modelo de cidade sostible e segura. Para conseguilo fixaron varios obxectivos e 12 programas de actuación en base ás principais necesidades de desprazamentos e mobilidade:
1. Programa de mobilidade peonil
2. Programa de mobilidade ciclista
3. Programa de potenciación do transporte público
4. Programa de control e ordenación do tráfico e estrutura da rede viaria.
5. Programa de xestión e regulación do Estacionamento.
6. Programa Mellora Distribución Urbana de Mercadorías
7. Programa de seguridade viaria.
8. Programa de melloras de calidade ambiental e aforro enerxético.
9. Programa de promoción de boas prácticas en mobilidade.
10. Programa de desenvolvemento de tecnoloxías aplicadas á mobilidade
11. Programa de integración da mobilidade nas políticas urbanísticas
12. Programa de incentivos. Outras medidas de apoio á mobilidade

Dentro destes doce programas destacan o programa de mobilidade peonil, o ciclista e a potenciación do transporte público. Para potenciar a mobilidade peonil propoñen a creación dunha rede de itinerarios peonís formada por 9 traxectos; a recuperación do espazo público para os peóns a través da: peatonalización de rúas, ampliando beirarrúas, mellorando as prazas, creando travesías urbanas ou coa creación de tres camiños escolares aos centros educativos.

Por outra banda, para mellorar a mobilidade ciclista proponse a creación, entre outros, dunha rede de itinerarios ciclistas e de aparcadoiros para bicicletas. No tocante á potenciación do transporte público destaca por unha banda a creación dun sistema de transporte público a demanda a través do “AmesBus” e a mellora da información ao cidadá con paneis informativos homexeneizados, así como a correcta sinalización das paradas.

O alcalde de Ames, Blas García, quixo incidir na importancia deste plan que cambiará a forma de desprazarse e de moverse polo concello “O PMUS é un plan estratéxico para o noso concello que xa comezou no mandato anterior e que vai ser unha herdanza que deixemos aos gobernos que veñan despois”. E engadiu “o PMUS é un plan moi ambicioso que contén a idea que temos de Ames con proxectos en que xa comezamos a traballar como as sendas peonís de Sisalde a Agro do Muíño ou a de Lapido a Ortoño que está en proxecto.

“O PMUS é un plan estratéxico para o noso concello que xa comezou no mandato anterior e que vai ser unha herdanza que deixemos aos gobernos que veñan despois”

Outro dos piares do PMUS é a creación dos sendeiros escolares que xa están en fase de proxecto, a creación dunha améndoa central en Bertamiráns ou a humanización da N-550 no Milladoiro”.

“Outra das claves deste proxecto é o transporte urbano que conecte o rural cos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns. Para atender esta vella demanda das parroquias imos adquirir un bus que funcione baixo demanda e para completar o servizo botaremos man dos taxis baixo demanda e do servizo de transporte adaptado xa existente” manifestaba García.

Segundo o alcalde o concello de Ames conta cun servizo clave para a cidadanía maior de 65 anos que lle permite baixo demanda moverse dentro do municipio e co concello de Santiago como é o servizo de transporte adaptado.

O PMUS presenta un horizonte temporal de 8 anos, onde distinguimos actuacións que se van realizar a curto prazo (1 ano), a medio prazo (4 anos) e a longo prazo (8 anos). Segundo García a intención é ir cumprindo as distintas actuacións pouco a pouco ata 2029 aplicando as distintas partidas orzamentarias ata acadar os 7 millóns e medio de euros que supón o PMUS.

“O PMUS presenta un horizonte temporal de 8 anos, onde distinguimos actuacións que se van realizar a curto prazo (1 ano), a medio prazo (4 anos) e a longo prazo (8 anos)”

O servizo de redacción do PMUS está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo  de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Concretamente, está incluído no Obxectivo Temático 4 de Cambio Climático, da EDUSI Impulsa Ames, orientado a “Fomentar a transición cara a unha economía baixa en carbono en todos os sectores” e enmárcase na liña de actuación LA3 “Programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público”.