AMEGA celebra en Ourense o 150 aniversario de “O Tio Marcos d’a Portela”

Con coloquio, foliada e roteiro para render homenaxe aos medios en galego

Ourense | No marco da conmemoración do Día dos Medios en Galego e coincidindo coa celebración do 150 aniversario da publicación de O Tio Marcos d’a Portela, primeira cabeceira periódica escrita integramente en galego, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza unha serie de actividades en Ourense os días 6 e 7 de febreiro.

Os actos comezarán o día 6 de febreiro no Liceo de Ourense coa Mesa Coloquio sobre “Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación” na que intervirán Joxe Rojas Director de TIC y Comunicación de TOKIKOM; AMIC (Associació de Mitjans d’Informació i Comunicació); Proxecto NÓS; e Iván Iglesias, OUK! A mesa estará moderada por Rebeca Munín da Revista Pincha, contando igualmente coa participación de Isaac González do IES Muralla Romana de Lugo. Posteriormente realizarase unha foliada na Praza de San Martiño coas agrupacións
Castro Floxo, Feitizo de Pau, A Galleira, A Cunheira e Coral de Ruada.

Ao día seguinte, 7 de febreiro, o Consello da Cultura Galega organiza un roteiro para coñecer o Ourense de Valentín Lamas Carvajal, que rematará no Liceo de Ourense cun típico cocido galego. AMEGA organizará esa xornada como un espazo de encontro, reflexión e celebración colectiva arredor do papel dos medios de comunicación en galego, da súa traxectoria histórica e do seu valor estratéxico no presente e no futuro do país.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.