Alumnado do Obradoiro de Emprego de Promoción Turística da Guarda visitaron o Castro de Santa Trega

Cun itinerario de tres horas de duración
Alumnado do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII na súa sección formativa de promoción turística local e información ao visitante, veñen de realizar sendas visitas ao Castro de Santa Trega e a unha das vivendas indianas da vila.

A Guarda | Alumnado do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII na súa sección formativa de promoción turística local e información ao visitante, veñen de realizar sendas visitas ao Castro de Santa Trega e a unha das vivendas indianas da nosa vila.

Trátase dunha das primeiras saídas de campo que realiza este grupo de 10 alumnos que iniciou a súa formación a finais de outubro do ano pasado na Guarda.

A saída formativa incluíu unha visita guiada que foi levada a cabo por Manuel Álvarez Pérez, guía turístico oficial que traballa habitualmente para o Concello da Guarda. Realizouse un itinerario cunha duración de case 3 horas, xa que o contido e as explicacións tiñan como obxectivo principal facer traballo de campo, que ven a complementar o estudo e inventario dos recursos realizado na aula. Os participantes observaron aspectos do monte dende o punto de vista paisaxístico, recreativo, histórico e forestal. Realizáronse fotografías de miradoiros, áreas recreativas e paisaxes.

Por outra banda tamén tiveron a oportunidade de visitar unha das vivendas indianas existentes na vila, casa coñecida como “Casa de Don Eloy Domínguez Veiga”, situada na Avenida de Galicia. Esta actividade, que supuxo unha oportunidade única, tivo unha duración de hora e media, e realizouse un percorrido polo exterior na zona axardinada, e un percorrido por todas as estancias do interior.

Formación Dual
Todas as persoas que participan no obradoiro benefícianse dunha formación específica durante nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais poden optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.

Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuirá tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao da comunidade.

Obradoiros para mulleres emprendedoras
O Concello da Guarda abre o prazo de inscricións para dous obradoiros que terán lugar os días 20 e 27 de xaneiro en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e dirixidos a mulleres emprendedoras.

Os obradoiros realizaranse de xeito online a través da plataforma zoom, polo que tan só é preciso dispor un dispositivo tipo PC, smartphone ou tablet.

Ofértanse dous obradoiros, un de nivel básico sobre “Transformación dixital” e outro de nivel intermedio sobre “Cómo crear anuncios en Facebook e Instagram”.

No Obradoiro sobre “Transformación Dixital” traballarase sobre que é Transformación dixital, creación de perfís Business en Facebook e Instagram, a importancia da presenza en redes sociais, as súas vantaxes, a diferencias existentes entre grupos, páxinas e perfís privados en Facebook, como crear contidos atractivos e de valor en redes sociais, formatos, encadres e consellos, creación de stories e lives, ferramentas gratuítas existentes e casos de éxito. Terá lugar o xoves día 20 de xaneiro en horario de 19:00h a 20:30h.

No Obradoiro sobre “Cómo crear anuncios en Facebook e Instagram” falarase da creación de anuncios en Facebook e Instagram, a planificación de publicacións, como facer contidos máis impactantes, consellos para Facebook e Instagram, vantaxes dos anuncios, definir obxectivos, lugares, formatos e presupostos, administración e segmentación de anuncios e rendementos, tipos de audiencias e tipos de segmentacións, ferramentas, casos de éxito, entre outros. Terá lugar o xoves día 27 de xaneiro en horario de 19:00h a 20:30h.

As inscricións están xa abertas remitindo un correo electrónico a muller@aguarda.es ou chamando ao CIM ao tel. 986 614 648 indicando o nome, apelidos, teléfono e correo electrónico.