Ourense | Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España, visitou ao mediodía do domingo día 17 de agosto, o Centro de Coordinación Operativo Contraincendios de Ourense instalado nun edificio da Xunta de Galicia, na zona universitaria. Compareceu co ministro do Interior, Fernando-Grande Marlaska, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco ante os medios de comunicación xunto ao titular da Xunta, Alfonso Rueda.
“Imos facer todo e máis”, afirmou o presidente do Executivo central. Rueda reiterou a necesidade de conseguir máis recursos, detallada nun informe elaborado polos técnicos do centro de coordinación. Tamén pediu o despregamento doutros 200 soldados, a maiores dos da UME e da Brilat, que xa están a traballar.
Sánchez afirmou que “Imos dar todos os recursos que sexan necesarios para perimetrar e por suposto, extinguir todos os incendios”, e explicou que desde hoxe mobilizaranse 500 militares en toda España. “Imos ver exactamente cantos poden chegar a Galicia para dar resposta efectiva á solicitude da Xunta de que sexan 200”.
O presidente da Xunta fixo fincapé en que todos os recursos comprometidos polo Estado son urxentes e pediu que cheguen canto antes, “para esta tarde xa se é posible”. Ademais, avanzou que a próxima reunión do Consello da Xunta aprobará axudas para os afectados e pediu ao Estado que tamén axilice as súas. Pedro Sánchez dixo que o Goberno traballará niso “en canto extínganse os incendios para afrontar a tarefa da reconstrución”.
Sánchez propuxo un pacto de Estado ante a emerxencia climática, xa que os seus efectos “son cada vez máis graves”, dixo. “Isto interpela a todas as administracións públicas pero tamén aos grupos parlamentarios no poder lexislativo, ao conxunto da sociedade civil, á ciencia, á empresa, aos sindicatos. En definitiva, ao conxunto do país”, asegurou Sánchez.
Sánchez puxo en valor a profesionalidade, o oficio, a dedicación dos servidores públicos de España e asegurou que “hoxe mesmo” a UME “deu o OK a que haxa 500 efectivo máis do Exército de Terra que se vaian a despregar nos distintos incendios do país”.