
Sober | Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitaron as casetas da Feira do Viño de Amandi, en Sober. Unha cita consolidada e de referencia para poñer en valor os viños desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que o ano pasado acadou unha producción de máis de 4,6 millóns de quilos de uva, cun valor estimado superior aos 20,8 M€.
O sector vitivinícola é un importante eido produtivo para a economía galega, polo que desde o Goberno galego mantense un compromiso de apoio que se traduce este ano nun investimento de arredor de 12 millóns de euros en diferentes liñas de axuda. Entre elas atópanse as de reestruturación e reconversión de viñedo, cuxo prazo de solicitude xa está aberto, as de promoción en terceiros países ou as de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.
Tamén dentro deste investimento, a Consellería do Medio Rural conta cunha axuda específica para apoiar ao sector vitivinícola nesta zona, concretamente para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra, dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Na foto Alfonso Rueda con Raquel Arias e Luís Guitián, alcalde de Sober.




