“Alfonso Pexegueiro é o escritor que iniciou a renovación da poesía galega na Transición”

Fernando Groba Bouza | Co-autor da obra “O Exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro”

Natural da parroquia de Santiago de Oliveira, Fernando Groba Bouza é licenciado en Filoloxía Galega (USC), titulado Especialista en Filoloxía Galega e Identidade Cultural (UVigo), doutor en Estudos Lingüísticos (UVigo e UDC) e actualmente profesor titular de Lingua e Literatura Galega no IES do Barral de Ponteareas. É co-autor do libro “O Exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro” xunto a Nuria Araujo García e Antía Marcote Cal. Con anterioridade foi tamén concelleiro de Cultura e Lingua no Concello de Ponteareas, lector na UMinho (Braga), profesor colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística e técnico de normalización lingüística nos concellos de Porto do Son e de Tomiño.

Por que un libro (“O exilio de Nacer”) dedicado a Alfonso Pexegueiro? De onde parte a idea?
O porqué dun libro dedicado a Alfonso Pexegueiro respóndese de forma moi doada: porque non había ningún libro dedicado ao escritor que iniciou a renovación da poesía galega na Transición.

A idea xurdiu da profesora e catedrática de Lingua e Literatura Galega Nuria Araújo García. Eu fun alumno dela no curso 2021/22 para preparar as oposicións no ensino secundario e ela, un día, levou un poema de Alfonso Pexegueiro para facer o comentario literario: “A muller de Seraogna”. Nese momento, eu era concelleiro das áreas de Cultura e de Lingua do Concello de Ponteareas e, cando vin o poema, emocioneime moito porque tivera e tiña a sorte de coñecer en persoa ao escritor.

“A idea do libro xurdiu da profesora e catedrática de Lingua e Literatura Galega Nuria Araújo García”

Desde o Concello, había un anos que sacaramos unha edición en libro-DVD da versión teatralizada da súa obra Illa das mulleres loucas e tres que sacara outro volume que recolle catro poemarios de Pexegueiro para iniciar unha colección chamada “Creadores ponteareáns”. Esta iniciativa nacera, precisamente, para visibilizar as e os artistas de Ponteareas que incluso eran descoñecidas/os para as persoas que aquí vivimos.

Entón, eu decidín levarlle a Nuria un exemplar de cada un dos libros (casualmente, aínda quedaban dous ou tres exemplares de A viaxe á illa das mulleres loucas) porque sentín que ía ser unha persoa que os ía apreciar moito, ademais de que lle podían ser de moita axuda na preparación das clases. E así foi. Pouco despois comezou coa idea de que tiñamos que facer algo sobre Pexegueiro, para que se coñecese e valorase máis a súa obra. Nuria, a seguir, falou cunha ex-alumna dela, tamén da academia, que había pouco que sacara a praza de funcionaria no ensino secundario, Antía Marcote Cal, e, a finais do 2023, solicitaron unha cita coa Alcaldesa de Ponteareas, alá foron coa proposta, que, como non podía ser doutro xeito, foi apoiada e redirixida para a Deputación de Pontevedra, que foi quen publicou o libro.

Ten Pexegueiro o recoñecemento debido dentro da literatura galega? Que lugar pensades ocupa a súa obra? Estáselle a facer xustiza?
Non. Nin de lonxe. Pexegueiro creou, xunto a Reixa, o Grupo Rompente no verán de 1975 e publicou Seraogna co propio selo do colectivo en maio do 76. Este foi o libro que, tal e como recoñece Xosé Luís Méndez Ferrín, foi o que veu mudar e revolucionar a nova poesía galega co seu neo-surrealismo. Logo, foi un dos fundadores da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o seu primeiro secretario e dirixiu a revista Escrita, no entanto, a finais dos 80 foise do grupo que el mesmo ideara e creara e, sobre 1985, deixou a secretaría da asociación, tamén por disidencia con parte da directiva, e foise para Barcelona ata que regresou no ano 2000.

“Pexegueiro creou, xunto a Antón Reixa, o Grupo Rompente no verán de 1975”

Neses 15 anos, que el aproveitou para seguir escribindo e publicando, sempre co espírito inicial de Rompente, a crítica literaria ocultouno á mínima expresión. Tanto é así, que a propia Antía e mais eu, que estudamos na mesma universidade e tivemos practicamente o mesmo profesorado, decatámonos que practicamente non nos falaran del cando estudamos a literatura despois do ano 75.

Este silenciamento ou desvirtuamento, máis ou menos propositado, prexudicou a posta en valor e o recoñecemento que tanto o escritor como a súa obra tiñan que ter. No seu lugar, figuras como Ferrín e Reixa (así como tamén Avendaño e Romón, que se incorporaran a Rompente cando aínda estaba Pexegueiro) víronse favorecidas para aumentar os seus propios recoñecementos, agora ben, con actitudes ben diferentes, Ferrín sempre puxo a Pexegueiro por diante, en cambio, os seus ex-compañeiros de grupo nin sempre foron todo o leais e legais que deberían ser con el e coa verdade.

Se se lle está a facer xustiza agora a Pexegueiro? Aínda non. Falta moito. Nós non somos nin os primeiros nin os segundos a reivindicar a obra e figura do escritor que mudou o camiño da nosa poesía da Transición para sempre. Nomes como o propio Ferrín, Isaac Lourido, Luciano Fernández, Manuel López Foxo son algúns dos que ergueron a súa voz na defensa e recoñecemento de tan ilustre poeta. Con este libro, nós quixemos poñer un granciño de area máis.

Como está sendo divulgada e por quen a obra de Pexegueiro e concretamente este libro?
A obra de Pexegueiro está a ser divulgada por todas aquelas editoriais e institucións que teñen publicados os seus traballos e por moitas profesoras, escritoras… que coñecen a súa admirable pluma.

“Aínda non se se lle está a facer xustiza á obra e o legado de Pexegueiro”

No caso do libro O exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro, agora mesmo, a difusión está nas mans da Deputación de Pontevedra que, dende o Arquivo Provincial, está a enviar exemplares a todas aquelas bibliotecas que considera fundamentais. Fixo tamén unha presentación, conxuntamente con Concello de Ponteareas, nun dos institutos de ensino secundario da vila, con alumnado de 4.º da ESO e enviou 10 exemplares para algunhas editoriais para darlle sentido ao ISBN comercial e así facelo presente nese eido a nivel internacional.

Ademais, unha vez que pasen tres meses dende a primeira presentación oficial, nós tamén podemos facer outras alí onde o estimemos oportuno e necesario. E quen quixer un exemplar, só ten que achegarse á Biblioteca Municipal de Ponteareas ou ao Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra e pedir un.

Ten Pexegueiro o recoñecemento debido por parte dos seus primeiros compañeiros nos tempos de Rompente?
Tal e como xa foi dito antes, non. Para alén de comprobar en entrevistas e congresos que o ocultan, eu mesmo quixen falar e entrevistar para o capítulo que eu escribín para o libro ao propio Antón Reixa. Conseguín o seu contacto telefónico e falei con el por WhatsApp. Primeiro amosouse colaborador e díxome que si. No entanto, cando quixen concretar para quedar comezou a facerme preguntas de quen era eu e para que era a entrevista. Volvinlle repetir para que era a entrevista (e volvinlle dicir que era para un estudo sobre a orixe do Grupo Rompente) e preguntoume quen era eu. Cando lle dixen que era un filólogo e que era concelleiro ou ex-concelleiro de Cultura e Lingua de Ponteareas, nunca máis me volveu dirixir a palabra.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.