Alén Nós, unha historia deliberadamente terxiversada.

No último número de A Nova Peneira correspondente ao día 11 do mes que andamos, publicase unha reportaxe titulada “A asociación Alén Nós de Redondela: 28 anos tecendo país” ilustrada cunha fotografía de membros da asociación . O texto recolle os obxectivos fundacionais da asociación e moitas das súas actuacións, que non foron poucas.

Mais o sorprendente da reseña xornalística é que enumera unha serie de persoas que pasaron pola directiva da entidade, ocultando perversamente outras; tal é o meu caso, e o de de Pilar, amiga falecida (lamento non lembrar o seu apelido), que tanto traballou arrecadando material para integrar no futuro museo etnográfico de Redondela no que tanto teimamos perante as autoridades locais. Pilar, con moito agarimo e paciencia foi buscando pezas museísticas ata xuntar un feixe delas; moitas delas apolilladas, pero que coa súa incansable dedicación e habelencia elimináballas.

Nestes tempos nos que se celebran actos para reivindicar tanto a memoria histórica e os seus protagonistas que permaneceron ocultos por circunstancias políticas que todos sabemos, semella unha conduta lamentable que haxa persoas que continúen esas prácticas nefastas. A Lei da Memoria Histórica ampara a restauración e rehabilitación desas figuras maltratadas.

O pasado ano celebrouse o centenario do Seminario de Estudos Galegos. E en todos os actos e exposicións organizadas quedou constancia escrita de como foi o proceso de constitución daquela meritoria entidade, de quen convocou a primeira xuntanza, e tamén do redactor do programa fundacional. De tal maneira que, desde as figuras sobranceiras no artellamento do Seminario ata ás que tiveron un papel máis modesto, foron recuperadas para deixar constancia dunha organización senlleira na historia de Galicia.

As historias, para seren cribles, deben ser escritas con rigor, sen ignorar intencionadamente a ninguén que participase no desenvolvemento delas. Que historiador cometería a torpeza de eliminar da Xeración Nós a todos os que a conformaron, uu deliberadamente borrar das Irmandades da Fala aos que foron os seus auténticos creadores e dinamizadores?

“As historias, para seren cribles, deben ser escritas con rigor, sen ignorar intencionadamente a ninguén que participase no desenvolvemento delas”

Pois ben, esta reportaxe de A Nova Peneira incorre, por acción, ou inducida polos informadores, no que tantas veces se ten falado ultimamente sobre a reconstrución da verdade, dos feitos históricos anteditos.

Permítame, señor director, que sexa eu o que reconstrúa esa historia da Asociación Alén Nós, terxiversada por man aviesa, porque teño moito que dicir ao respecto.

A Asociación foi concebida e artellada por min, impoñéndose tal nome. Eu redactei os obxectivos fundacionais e eu deseñei as estratexías dunha entidade cultural que nacía para cubrir un oco no panorama asociativo no concello de Redondela. Os primeiros anos de intensa actividade foron un revulsivo no concello.

Fun eu o que convoquei a moitos dos que aparecen na fotografía que ilustra a reportaxe para constituirmos esa asociación, coa idea, ademais, de integrar nela a todos os universitarios do concello que cursaban estudos na Universidade de Vigo. Para acadar tal obxectivo valínme da mediación dun vicerreitor amigo que puxo ao meu dispor tal información. Fixemos unha convocatoria aberta para podelos integrar na asociación e estruturar equipos de traballo interdisciplinares.

Eu ideéi e propuxen a organización da “Festa dos Fachos” para darlle ao monte de A Peneda un valor patrimonial engadido. Do mesmo xeito, en colaboración cun directivo do Clube Montañeiros Celta, deseñamos o trazado do Camiño á Franqueira, que foi inaugurado cunha longa camiñata que rematou en Mondariz coa participación dun numeroso grupo de amigos e amigas, despois de que desde o Departamento de Cultura que eu dirixía, se constituíse a Asociación Vieiros da Franqueira cos concellos afectados, sinalizándoos e colocando elegantes miliarios de granito nos seus camiños.

Por primeira vez, mediante a participación silenciada do amigo Obdulio, garda municipal e piloto de avionetas, protagonizou un bo rasante sobre a vila de Redondela ciscando polo aire oitavelas dunha Declaración da Asociación Alén Nós dirixida á poboación, conminándoa a colaborar na reconstrución cultural de Galicia co gallo do Día das Letras Galegas. Un acto sen precedentes na historia do asociacionismo cultural de Redondelar da que hai que que salientr a súa orixinalidade.

Como singular foi a intención de galeguizar os furanchos. Recordo gratamente o acto celebrado no de Luís, en Cedeira, onde hoxe está o Restaurante Vilarosa, con ramos de loureiros nas mesas do eido ateigado de comensais no que actuara de pregoeiro o xa falecido e recordado amigo, Fernando Pereira, exalcalde de Soutomaior.

No Castelo de Soutomaior púxose en pé un modelo acto para premiar a aquelas persoas que traballaran a prol da cultura galega. O primeiro premiado fora o entón comisario-xefe da Policía Nacional Luís M. García Mañá. Aquel modelo de acto non tivo continuidade pola incapacidade dalgúns.

Son moitas máis as accións desenvolvidas das que gardo avultada hemeroteca. Xa que logo, teño que lamentar que as persoas que convocaron á Nova Peneira para celebraren eses vinteoito anos de existencia, de maneira mal intencionada ocultasen deliberadamente o meu nome e o papel que desempeñei na creación da Asociación, no deseño das estratexias e desenvolvementos das accións puntuais.

Polas razóns expostas, señor director, agradézolle a publicación destas liñas na edición do próximo número da publicación. Adoitaba dicir Isaac Díaz Pardo unha frase recollida de prestado dun dos membros das Irmandades da Fala: que marabilla de país e que carallada de xente! Non estaría de máis que aqueles membros da Asociación Alén Nós que son coñecedores do exposto e da terxiversación do relato desautorizasen publicamente ao seu responsable.

“Non estaría de máis que aqueles membros da Asociación Alén Nós que son coñecedores do exposto e da terxiversación do relato desautorizasen publicamente ao seu responsable”

Remato dunha anécdota e unha reflexion. O franquismo quixo eliminar da historia da Santiago Casares Quiroga facendo desaparecer a acta do seu nacemento no Rexistro Civil de A Coruña. Desta maneira, entendían os autores de tal acto ignominioso de Casares Quiroga non existira. O tempo puxo a cada quen no seu lugar: Casares Quiroga, existíu e foi presidente dun dos consellos de ministros da II República.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.