Alcaldesa de Mos avanza no proxecto europeo sobre cambio climático co CEIP Pena de Francia

A través dunha vídeoconferencia co alumnado de 4º B de Primaria

Mos | Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, e a edil de Educación, Julia Loureiro, mantiveron unha videoconferencia co alumnado e a mestra de 4º B de Primaria do CEIP Pena de Francia, María de los Ángeles González Lemos, para avanzar no proxecto europeo eTwinning contra o cambio climático no que está a participar esta clase. Cómpre lembrar que co mesmo obxectivo o Concello de Mos adheriuse e forma parte do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

O pasado 22 de marzo a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recibiu unha carta do alumnado de 4º B de Primaria do Colexio de Pena de Francia para pedirlle a súa axuda na participación da clase no proxecto europeo eTwinning contra o cambio climático. Algunhas das ideas propostas por estes cativos para frear o cambio climático son non malgastar a auga corrente, non desfeitar de xeito inapropiado o lixo común nin as mascarillas, reciclar e reutilizar, entre outras.

Da xuntanza celebrada hoxe extraeuse o acordo entre Concello e escolares de iniciar unha campaña de sensibilización por un Mos máis limpo e máis verde, orientada a todos os colexios de Mos, pero tamén á poboación mosense en xeral. Para elo os/as cativos/as de 4º B do Pena de Francia encargaranse do deseño dun folleto informativo no que se recolla o teléfono de contacto do servizo municipal de recollida de enseres para que ninguén os desfeite en zonas verdes nin na vía pública, no que se potencie o uso de bolsas reutizables de tea, así como a reducción do consumo de plásticos, entre outras medidas.

“Da xuntanza celebrada hoxe extraeuse o acordo entre Concello e escolares de iniciar unha campaña de sensibilización por un Mos máis limpo e máis verde, orientada a todos os colexios de Mos, pero tamén á poboación mosense en xeral”

Así mesmo, desde o Concello informouse da intención de ir ampliando cada vez máis o parque municipal de vehículos híbridos ou eléctricos, tentando chegar a un 30% en 2030; así como de iniciar un estudo para incrementar a instalación de placas solares, tanto en edificios e instalacións municipais, como que os/as veciños/as teñan facilidades e axudas para facelo nas súas vivendas particulares.

eTwinning é a comunidade de centros escolares de Europa. Ofrece unha plataforma aos equipos educativos (profesorado, equipos directivos, persoal de biblioteca, etc.) dos centros escolares dos países europeos participantes, para comunicarse, colaborar, desenvolver proxectos, compartir ou o que é o mesmo: sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa. eTwinning está cofinanciado e forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte.

“eTwinning é a comunidade de centros escolares de Europa. Ofrece unha plataforma aos equipos educativos (profesorado, equipos directivos, persoal de biblioteca, etc.) dos centros escolares dos países europeos participantes, para comunicarse, colaborar, desenvolver proxectos, compartir ou o que é o mesmo: sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa”

Incluíndo aos do mosense CEIP Pena de Francia, a rede eTwinning está integrada por un total de 918.886 profesores/as, 217.277 centros escolares e 120.362 proxectos. Os 13 alumnos/as da clase de 4º B do Colexio Pena de Francia: Fabio, Gael, Leire, Sofía, Nico, Uxía, Marta, Jose, Laura, Anxo, Ariadna, Rihana e Marcos remitiron unha misiva á rexedora local mosense na que lle pedían á alcaldesa colaboración para poder levar a cabo o seu proxecto no municipio e “facer realidade o noso soño de loita contra o cambio climático”, como eles mesmos dicían na súa carta.

Entre as peticións dos rapaces figuran iniciativas que xa se están a levar a cabo no Concello de Mos, así como outras que se poderían mellorar ou implementar e algunhas a poñer en marcha. Algunhas das devanditas suxerencias son “máis puntos limpos para a recollida de obxectos contaminantes, charlas medioambientais nos centros educativos, instalación de placas solares, saídas colectivas para limpeza de montes e zonas verdes, fomento do uso de medios informáticos e electrónicos para reducir o uso de papel, fomentar o uso de bolsas de papel e tea, así como de composteiros nos fogares e de vehículos eléctricos, reducir o consumo de plástico…” etc.

Entusiasmados ante a proposta e desexosos de colaborar e participar no proxecto a alcaldesa Nidia Arévalo e os concelleiros de Educación, Julia Loureiro, e Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas, mantiveron hoxe unha xuntanza por videoconferencia con estes 13 cativos e a súa mestra, María de los Ángeles González Lemos, en aras de poñer en marcha as iniciativas propostas que aínda non se atopen activas e mellorar en todo o posible as xa existentes para “facer”, tal e como din os nenos na súa carta enviada á alcaldesa, “do noso Concello un lugar máis limpo e sostible, e que siga a ser un lugar agradable e bonito”.