Afonso, que Alfonso?.

Cando non hai por que discutir, a xente inventa. Por exemplo, se o nome se escribe, en galego, con i grego ou non, cando esta letra, en galego, non existe, ou polo ordinal do nome duns reis que son persoas distintas e reis de sitios distintos. A isto os de Baiona téñenlle especial querenza.
Imos primeiro co numero do rei. O que lle concedeu carta de poboamento á vella vila de Erizana e lle cambiou o nome polo de Baiona, foi Afonso, rei de León e rei de Galicia (1188-1230), fillo de Fernando II, tamén rei de León e de Galicia (1157-1188) e neto de Afonso VII, rei de Galicia entre 1111 e 1126 e, dende esta data ata a súa morte en 1157, e tamén, por herdanza da súa nai a raíña Urraca, de Castela e Toledo . Cando xuntou todas as coroas sobre a súa testa foi coñecido como “O Emperador”.

Afonso, o que bautizou Baiona, tiña un curmán, tamén rei, este de Castela e Toledo (1158-1214), chamado Alfonso, a quen os historiadores españois numeraron como sucesor parcial de Afonso O Emperador co número oitavo. Mais a orde numérica dos Afonsos viña dos reis de Galicia e non dos de Castela onde non houbera Afonso ningún ata o Emperador.

Á morte deste o imperio divídese, o reino de Castela para Sancho III e o de León e Galicia para Fernando II. O fillo deste, o noso Afonso, sería o VIII, pero este numeral outorgáronllo, como dixemos, ao seu curmán o rei de Castela. A cousa xa viña de lonxe, pois xa nas Sete partidas de Afonso X, aparece, o rei de León e Galicia, como IX, aínda que como Afonso e non como Alfonso. Xa daquela o rei sabio tiña máis interese en outorgarse unha lexitimidade que o respecto escrupuloso pola veracidade histórica. Así que non pode haber discusión, Afonso VIII de León e Galicia foi quen mudou o nome de Erizana polo de Baiona; é o que, na historiografía española, numeran como IX.
Ora ben, se o que se pretende é afirmar a existencia continuada dunha realidade política identificada coa España actual e/ou negar a existencia histórica e secular do Reino de Galicia, non estamos máis que ante unha falsificación ideolóxica ou unha desinformación a mantenta.

Afonso reinou 42 anos. Naceu en Zamora o 15 de agosto de 1171; foi coroado o 22 de xaneiro de 1188 e faleceu en Sarria o 23 de setembro de 1230. Está soterrado no Panteón Real da catedral de Compostela á beira do seu pai, Fernando II, da súa avoa Berenguela e do seu bisavó Raimundo de Borgoña, pai de Afonso Raimundez, coñecido como Afonso VII “ O Emperador”. A súa nai, Urraca de Portugal, era filla do considerado primeiro rei de Portugal Afonso Henriquez.

Educado por Xoán Ares, protexido polos Traba e pola corte portuguesa onde residía a súa nai tras a anulación do matrimonio co seu pai, tivo moitos problemas tanto para asegurarse o trono, para resistir as presións de portugueses, casteláns e almohades , así como para recuperar un estado en bancarrota. Estas dificultades foinas superando tanto con alianzas matrimoniais ou cos burgueses das cidades e unha política de repoboamento e consolidación das cidades portuarias da Coruña e Baiona.

En 1188, con 17 anos, ao pouco de ser coroado, convocou as Cortes en León, en Santo Isidoro, e recibiu o clero, con presenza do arcebispo compostelán Pedro Suárez de Deza, e a nobreza, pero tamén os representantes das cidades. Foron as primeiras Cortes representativas de Europa e do mundo. Poñéndose en plan esaxerado, as primitivas precursoras dun sistema parlamentario, uns anos antes que a famosa Carta Magna de Xoán Sen Terra. A Unesco recoñeceuno, en 2013, como o testemuño documental máis antigo do sistema parlamentario europeo.

As alianzas matrimoniais foron máis complexas. Primeiro casou, en Guimarães, coa súa curmá en primeiro grao Teresa de Portugal, filla do rei portugués Sancho I e de Dulce de Aragón. A parella eran netos de Afonso Henriquez. O Papa ameazou coa excomuñón, presentou un interdito e tiveron que separarse. Teresa ingresou non convento e foi santificada cincocentos anos despois.

Tentou arranxar as cousas co seu curmán Alfonso de Castela a través do matrimonio coa filla deste, Berenguela de Castela, curmá en segundo grao. O Papa Celestino III autorizou a unión, pero non o seu sucesor que pretendeu a anulación e, ao non conseguilo, puxo un interdito ameazando con declarar ilexítimos os cinco fillos do matrimonio. Este acabou por ser anulado e Berenguela foi para outro convento. No seu primeiro matrimonio tivera tres fillos, entre eles Sancha e Aldonza, coñecida como Dulce, que herdaron a coroa de León e Galicia. A oposición da nobreza e do clero forzou o pacto entre as dúas esposas, convertidas en monxas, quen acordaron a renuncia das raíñas e que a coroa pasase a Fernando, fillo da segunda esposa, e rei de Castela, que será coñecido como Fernando III O Santo.

A vida amorosa do rei Afonso VIII de León e Galicia debeu ser un sen vivir, non só polas dúas anulacións matrimoniais senón pola restra de fillos ilexítimos que deixou con diversas mulleres. Coñécese un fillo chamado Pedro Afonso de León, non se sabe o nome da nai. Con Inés Íñíguez de Mendoza tivo unha filla; con Aldonça Martínez de Siva, tres; coa nobre galega Estefanía Pérez de Faiam tivo un fillo; seica tivo outro fillo cunha salmantina chamada Maura. A relación máis duradeira, ata a morte en 1230, foi con Teresa Gil de Soverosa, unha nobre portuguesa, coa que tivo catro fillos. Os descendentes levaban como apelidos Afonso de León.

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.