ADIF presenta en Monforte os seus plans para a liña férrea Ourense-Lugo

Estes proxectos suman un investimento total de 546 millóns de euros

Monforte de Lemos | O Ministerio de Transportes concretou en Monforte os seus plans para a modernización da vía férrea entre Ourense e Lugo. A presidenta do ADIF e o secretario xeral de Infraestrutura do ministerio, os lucenses Isabel Pardo de Beira e Sergio Vázquez Torrón, aseguraron que todos estes proxectos suman un investimento total de 546 millóns de euros, que a súa execución levará en conxunto tres anos e que deberán estar terminados no 2023.

Acompañados polo alcalde de Monforte, José Tomei, lembraron que todas estas actuacións pretenden conectar Lugo coa alta velocidade que entrará en Galicia a través de Ourense. “Queremos -dixo a presidenta do ADIF- que a diferenza temporal entre a chegada este ano da alta velocidade a Ourense e a modernización da vía de Lugo sexa o máis reducida posible”.

Este plan de actuación nos 117 quilómetros da vía férrea entre Ourense e Lugo ten catro obxectivos fundamentais. O primeiro pasa por “mellorar a fiabilidade e competitividade” do tramo do tramo de 46 quilómetros entre Ourense e Monforte, en vista de que forma parte do corredor atlántico de mercadorías. O segundo é conectar a Lugo á rede de alta velocidade a través de Ourense, mediante “unha liña modernizada, máis competitiva e fiable”. En terceiro lugar, as melloras previstas na electrificación da liña, cun reforzo da infraestrutura xa existente entre Ourense e Monforte e a dotación deste servizo entre Monforte e Lugo, “servirán para reducir custos operativos e aumentar as prestacións, o que axudará a facer do ferrocarril un medio de transporte máis competitivo fronte á estrada”.

No ministerio lembran que “un dos piares da política de transportes na Unión Europea pasa por reforzar o ferrocarril como medio de transporte sostible fronte a outros máis contaminantes”. Este conxunto de proxectos a levar a cabo antes de que termine o 2023 servirán para incrementar o uso desta liña férrea.

A variante ferroviaria da Pobra de San Xiao é unha das tres que están proxectadas desde fai vinte anos para facer máis rápido a viaxe en tren entre Ourense e Lugo. As outras dúas serán construídas entre Os Peares e Canaval e en Rubián (Bóveda), a primeira entre Ourense e Monforte e a segunda entre esa última localidade e Lugo. O Ministerio de Transportes non as incluíu na lista de proxectos a levar a cabo entre este ano e o 2023. Os novos estudos informativos dispoñibles apuntan a que o custo de construílas será de 970 millóns de euros.