Adhesións ao Sistema Integral de Calidade Turística

Está conformado polos 15 concellos termais rurais da provincia de Ourense

Ribadavia | A Deputación de Ourense organizou en Ribadavia a primeira xornada informativa sobre a implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) de Ourense Termal, conformado polos 15 municipios termais rurais da provincia.

A sesión celebrouse no Museo do Viño de Galicia, co obxectivo de adherir empresas e servizos turísticos da contorna da comarca do Ribeiro que formen parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal. Este execútase co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e o goberno provincial.

Esta actuación ten por obxecto implantar unha metodoloxía desenvolvida pola Secretaría de Estado de Turismo para os servizos turísticos públicos e privados, que contribúe a través de boas prácticas a mellorar a satisfacción do cliente en particular e o posicionamento do destino en xeral.

Esta primeira xornada, na que participaron unha quincena de servizos turísticos, continuará con outras dúas que se desenvolverán nas próximas semanas na Baixa Limia e Verín-Monterrei. As sesións informativas teñen o obxecto de captar empresas e servizos turísticos que se adhiran ao Sistema, e que pasan a ser beneficiarias dun proceso de formación, asesoría e avaliación para chegar á certificación e obtención do distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”.

Todo o proceso farase con cargo ao PST en Ourense Termal e por tanto gratuíto para as empresas e outros servizos turísticos, sendo ata 36 tipos os que poden ser beneficiarios (aloxamentos, restauración, visitas guiadas, museos, oficinas de turismo ou transporte).

As empresas interesadas dos municipios beneficiarios do plan (Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín) poden solicitar máis información a través de inorde@inorde.com.

O obxectivo principal é promover unha estrutura de xestión permanente, que vele polo incremento da competitividade das empresas turísticas, así como incrementar a satisfacción dos turistas e fomentar a fidelización dos mesmos.

Estas actuacións relacionadas coa gobernanza resultan esenciais na profesionalización do destino, nun momento crucial como é o que vive o territorio tras a chegada da Alta Velocidade Ferroviaria, sendo o Turismo uno dos sectores estratéxicos para afrontar o reto.