Adegas Marqués de Vizhoja e Verdadero Café, pioneiros en solucións sostibles para as vides galegas

Reutilizan as borras de café para sandar as vides

Arbo | As empresas galegas Adegas Marqués de Vizhoja e Verdadero Café puxeron en marcha un estudo pioneiro para obter solucións sostibles que controlen as enfermidades da vide galega.

Entre as innovacións ecolóxicas, a adega de Arbo e o a firma cafeteira da Coruña son pioneiros en aplicar a borra do café aos viñedos, é dicir, os residuos que restan na cafeteira tras a súa utilización. Problemas como a yesca, a enfermidade de petri ou pé negro poden afectar os viñedos, pero, actualmente, adóitanse tratar con produtos químicos.

O obxectivo do estudo é reducir os produtos químicos que se usan para sandar a madeira. Ademais de aplicar a borra de café ecolóxico, Adegas Marqués de Vizhoja estudará outras dúas solucións sostibles, como o fungo trichoderma e a aplicación de pequenas doses de ozono.

“É un exercicio de economía circular: os residuos das máquinas de café póñense en valor ao ser usados nos nosos viñedos, creando alianzas entre empresas galegas”, explica Javier Peláez, propietario de Adegas Marqués de Vizhoja. O café reciclado procede dos “coffee córneres” sostibles que Verdadero Café fornece en Inditex.

Deste xeito, a borra do café das máquinas de Arteixo é reutilizada na leira de Arbo, “buscando pechar o círculo, eliminar residuos e achegar valor, xa que na nosa empresa reciclamos cada mes 900 kg de café”, explica Gustavo Cascón, director de Verdadero Café.

Tres anos de investigación A investigación, que xa comezou e durará un mínimo de 3 anos, realízase en 3 parcelas con plantas de variedade de uva albariño.

“O noso equipo de I+D+i busca coñecer a eficacia dos distintos métodos, comparándoos cos tratamentos convencionais para substituír as alternativas químicas nun futuro”, engade o responsable da adega. Tamén se medirán os efectos deste tratamento sobre a composición do chan ou a produtividade das colleitas, entre outros aspectos.

Verdadero Café xa contrastou con produtores de horta de Arteixo que o uso en superficie dos seus pousos de café sen compostar melloran as propiedades do chan e actúan como fertilizante natural. O obxectivo final de Marqués de Vizhoja é que este tipo de solucións sostibles poidan utilizarse en todo o viñedo, ademais das parcelas de proba.