Adega Vella Xeracións, beneficiada polas axudas a proxectos enogastronómicos

Turismo de Galicia e a Unión Europea financian o embelecemento de establecementos

A Teixeira | Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, desprazouse ao concello da Teixeira para, acompañado do seu alcalde, Xosé Vázquez, visitar a Adega Vella Xeracións S.L., unha das vinte empresas turísticas ourensáns beneficiarias da convocatoria de axudas a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, nas que a Xunta destinou máis de 190.000 euros para a rehabilitación sustentable da adega e realización de experiencias virtuais de visitas a adegas.

O delegado territorial explicou que estas chegas do Goberno galego, a través da Axencia de Turismo de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation. teñen como obxectivo sufragar o embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo.

Manuel Pardo fixo fincapé no potencial do enoturismo como unha das modalidades con maior crecemento a nivel mundial, e subliñou a oportunidade que representa para a provincia de Ourense, tanto pola súa riqueza patrimonial como polas súas catro denominacións de orixe. Así, reivindicou a importancia de consolidar este tipo de enoturismo como vía para fixar poboación, xerar riqueza e crear emprego cualificado no rural.

O representante do Goberno galego enmarcou estas axuda na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 da Xunta, que ten como obxectivos impulsar a modernización dos establecementos turísticos; afondar na competitividade do sector; e seguir aproveitando o potencial turístico de Galicia dunha forma sostible.

As liñas de actuación
Esta orde de axudas -detallou Manuel Pardo- teñen tres liñas de actuación. A primeira conta cun busca impulsar a adecuación e embelecemento de establecementos turísticos (hoteleiros ou de restauración) para a posta en valor de servizos de enoturismo (servizos específicos de adega, actividades dirixidas ao coñecemento e divulgación de todo o relacionado co viño, elaboración, degustación…)

A segunda liña sufraga proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración que poñan en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos e favorezan a visita (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de entornos de realidade virtual, xogos, visitas virtuais, …). Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao marketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, carteleira interactiva, …)

A última das liñas de actuación vai dirixida a apoiar a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamentos, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.