Acto Galeguista no Pazo dos Ulloa.

O pensamento económico galego ten unha historia apenas coñecida. Ese descoñecemento está desgrazadamente moi xeralizado. Vexamos algúns casos.

O 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo en 1925. Os relatorios, debates e conclusións foron tanscendentais no deseñar dun modelo de país, e os desenvolvementos sectoriais da economía. Velaquí unha proposta para modernizar o sector do viño: “Que se estableza en Ribadavia unha Estación Enolóxica para a defensa contra as adulteración e orientación da moderna vinicultura”. Houbo que agardar sesenta e dous anos para a súa creación, que foi en 1987 . Outra das propostas daquel congreso foi asociar o desenrolo económico á investigación como medio imprescindible para acadar resultados exitosos. A ceación da Misión Biolóxica de Galicia non é allea ás preocupacións dos promotores do congreso.

En xaneiro de 1936, a proposta de Álvaro das Casas, constituíuse no Pazo dos Ulloa, en Esposende, Ribadavia, a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avía (UCRA), precursora do cooperativismo ribeirao dos anos sesenta do século pasado. Afirmaba a UCRA no seu manifesto fundacional que “a fama do Ribeiro non se debe a unha adega, nin siquera a unha parroquia determinada, senón a toda a nosa expléndida conca do Avia”. Avogaba pola “millora da calidade e a asociación da produción vinícola coa identidade galega”. A UCRA foi a precursora da incorporación da lingua galega ás etiquetas.

En 1957 comezouse a editar a Revista de Economía de Galicia (REG) que foi unha publicación senlleira, rigorosa nos seus estudos e propostas baseadas no coñecemento científico das potencialidades económicas que tiña Galicia. A revista sempre estivo baixo a censura inquisidora das autoridades franquistas. Eivas tan importantes como a falta dunha organización territorial e a planificación para un mellor aproveitamento dos recursos naturais foron abordados en cadanseus números publicados. Mágoa que non se celebrase este ano con algún acto o 65º aniversario da publicación para perpetuar a lembranza daquel acerto editorial.

Todas as tres iniciativas compartían un denominador común: os obxectivos do progreso económico tiñan que estar fundamentados na Investigación, no Desenvolvemento e Innovación, que ten a súa expresión na coñecida fórmula I+D+i, de obrigada observancia na planificación económica. Tal ecuación tivo en Galicia a súa fonte de inspiración e aplicación. Algunhas empresas foron adiantados no seu tempo ao incorporaren un sumando máis, o ¨G” de galeguismo. Ao tempo, propuñan a creación dunha marca-país, que “Zeltia Agraria” e “Sargadelos” encarnaron como modelos de acertos empresariais.

“Hoxe podemos afirmar que en Galicia o 70% da produción vinícola etiquétase en galego”

Hoxe podemos afirmar que en Galicia o 70% da produción vinícola etiquétase en galego grazas a un gran número de adegas de millonarias producións. Tamén aumentaron o número de marcas que no sector agroalimentario imitaron os exemplos impulsados polas campañas publicitarias promovidas polo Foro E. Peinador- Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O próximo sábado, día 15, a Asociación Álvaro das Casas celebrará no Pazo de Esposende (Ribadavía) un acto público e singular que se vén repetindo todos os anos coa concesión dos premios “Bacelos de Prata”. As adegas premiadas son “Terras de Bendaña” e “Celme”, das denominacións de oríxe da Ribeira Sacra e Ribeiro, respectivamente.

“Mercar produtos etiquetados na nosa lingua debera ser unha práctica de obrigado cumprimento”

No pazo onde se fraguou a UCRA escoitaránse evocacións dun pasado no que os movementos culturais e partido políticos de entón chamaban aos seus seguidores a practicaren un consumo responsable e solidario coas marcas que se identificaban cos valores patrimoniais do territorio. Mercar produtos etiquetados na nosa lingua debera ser unha práctica de obrigado cumprimento.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.