Acreditarmos na liberdade de expresión.

Cadernos da viaxe.

A conduta destes días de centos de extremistas de dereita diante da sede federal do PSOE mallando no boneco de Pedro Sánchez constitúe un acto de odio, inmoral, rexeitábel, propio deses millóns de cidadáns españois de extrema dereita que non son quen a vivir nun réxime de democracia e liberdades, mais non constitúe nin delicto de odio nin agravante doutros delictos de inxurias, ameazas, coaccións, lesións, etc. por causa de odio.

Os delictos de odio e esta caste de agravantes por causa de odio requiren dunha conduta que sinala, despersonalizándoa, á persoa agredida pola súa pertenza a un colectivo históricamente discriminado e vulnerábel. Neste caso existe esa agresión despersonalizante, deshumanizante, na persoa de Pedro Sánchez mais non existe ese elemento de pertenza a un colectivo históricamente discriminado, polo que non existe esa caste de delicto nas condutas de Ferraz (Madrid).

Delictos de odio son as condutas racistas, antisemitas, antiinmigrantes, contrarias aos colectivos LGTBI ou outras semellantes, mais non as denunciadas polo PSOE, como tampouco existían a respecto da Garda Civil no caso da famosa liorta de Lizarra (Nafarroa). Porque nin PSOE, nin Garda Civil, nin funcionarios, nin PP, nin Vox constitúen colectivos históricamente vulnerábeis ou discriminados. En calquera caso é rechamante a denuncia penal do PSOE arestora e o seu absoluto silencio cando o boneco publicamente mallado, fusilado e aforcado foi o do president Puigdemont ( Coripe-Andalucía, 2019).

“Delictos de odio son as condutas racistas, antisemitas, antiinmigrantes, contrarias aos colectivos LGTBI ou outras semellantes, mais non as denunciadas polo PSOE”

Cómpre acreditarmos na liberdade de expresión. Mais o certo é que o PSOE de Sánchez (nestes case seis anos efectivos no Goberno do Estado) incumpriu neste eido tanto as súas sucesivas promesas electorais como os requirimentos que lle fixeron e fan as forzas políticas das maiorías da investidura de 2020 e 2023.

Velaí o mantemento do delicto de inxurias e aldraxes á Coroa (artigos 490 e 491 do Código Penal), abertamente contrario á xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (máximo intérprete constitucional no que atinxe aos dereitos fundamentais e liberdades públicas), da chamada “lei mordaza” que sanciona administrativamente o libre exercicio dos dereitos constitucionais de pública manifestación e xuntoiro ou da pena de prisión permanente revisábel, nidiamente incompatíbel cos valores de reinserción e resocialización propios dos valores constitucionais das democracias liberais europeas.

As persoas que nos temos por democratas, liberais e progresistas haberíamos ser as primeiras en acreditarmos na liberdade de expresión e en refugar os atallos normativos propios dos extremismos supremacistas.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.