ACiP denuncia desidia do Concello en terreo municipal da parroquia de Canedo

Afectados 200 veciños en alerta por incendios forestais

Ponteareas/ACiP | Sendo o Concello de Ponteareas o propietario da devandita parcela e incumprindo algo tan elemental como o cumprimento das Leis, non garante a seguridade dos veciños residentes nesa zona, estando en alerta por incendios forestais e máis cando na propia urbanización existen 2 depósitos de gas para abastecemento da mesma colindando coa masa forestal do monte da Picaraña.

É inconcibible que ás alturas que nos atopamos do verán e terminando xullo, unha propiedade do Concello segue sen limpar. O resumo é claro, desidia e un goberno que non prioriza nin garante a seguridade dos veciños e as súas propiedades.

Para o Portavoz de ACiP Juan Carlos González Carrera, mentres os demais veciños do Concello esfórzanse e cumpren coa normativa de prevención e defensa dos Incendios Forestais vemos incumprimentos dunha máis das diversas propiedades que o Concello ten e que incumpre coa súa responsabilidade do cumprimento da Lei, como exemplos Canedo, A Freixa, Moscadeira, etc…

Son moitos os veciños que reciben notificacións do Concello para que procedan á limpeza das súas propiedades advertíndolles con multas de ata 100.000 euros, mentres o Goberno local do BNG-PSOE incumpre taxativamente.

Ano tras ano a falta de planificación e descontrol municipal fai que os viais municipais carezan dun mantemento de limpeza de maleza, o que fai imposible garantir a circulación polos mesmos dos vehículos e peóns.

Demandamos unha solución urxente e instamos á Sra. Alcaldesa tome as medidas necesarias que garantan a seguridade dos nosos veciños en cumprindo coas normativas vixentes poñendo orde nas Concellerías, deixando ao carón as pelexas internas que teñen no goberno local BNG-PSOE, as cales non foi capaz de acougar nin repartindo mais salarios entre os Concelleiros do goberno que pagamos todos os veciños.