Academia do Couto Mixto.

O Couto Mixto é unha realidade histórica recuperada por Luís M. García Mañá. Da súa existencia quedou a constancia que foi unha institución xurídica e política singularizada pola súa modélica organización de autogoberno democrático, no que os cargos públicos eran elixidos por sufraxio comunal, convivindo con dous estados extremeiros con formas de goberno medievais.

Luís M. García Mañá sostén que o Couto Mixto tiña características propias dun estado republicano. Os seus privilexios outorgábanlles aos seus cidadáns un estatus no que era posible o libre comercio, a elección da nacionalidade (española ou portuguesa), asi como non prestar servizo militar nas tropas daquelas monarquías absolutistas. Eses eran algúns dos “privilexios” que definían a esa república arraiana.

“O Couto Mixto tiña características propias dun estado republicano”

Desaparecido o Couto Mixto en 1863 por mor dunha Lei de Lindes acordados polos estados español e portugués, o tres pobos pasaron a formar parte de dous concellos, e integrárense no sistema constitucional. Co paso do tempo a súa historia foise esborroando da memoria colectiva, e a píques estivo de pasar a ser unha lenda.

Hai agora trinta anos constituíuse a Asociación de Amigos do Couto Mixto coa finalidade de restaurar a lembranza do seu pasado histórico. Fóronse sucedendo actos programados para afondar nos anais da memoria. Organizáronse cursos académicos en colaboración coas Universidades de Vigo e Tras-Os-Montes; editáronse monografías e publicacións de diversa índole, todas elas complementarias para informar con rigor das pecualiaridades dun territorio con características propias dun estado independente; os medios de comunicación audiovisuais participaron na reconstrución dunha identidade esluída con documentais informativos con proxección de gran alcance; sen descoidar o papel decisivo que tiveron neste proceso os actuais moradores daquelas terras arraianas, que hoxe senten o orgullo do seu pasado.

Para pular este proceso a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén de crear a homónima Academia de Ciencias Sociais, na que se van integrando especialistas nas diversas áreas do coñecemento. Nas cadeiras da Academia terán asento de aquén e alén da raia especialistas en antropoloxía, xuristas, teóricos do desensolvemento e planeamento económico dos territorios, medioambientalistas, porque non hai que esquecer a importancia que teñen os parques naturais nese amplo territorio, que aportarán os seus coñecementos para aproximar as institucións públicas e estimularen a cohesión social e boa veciñanza valéndose da ciencia.

“A Asociación de Amigos do Couto Mixto vén de crear a homónima Academia de Ciencias Sociais”

Nese proxecto de dotar de coñecementos e proxectos de futuro en sintonía coas directrices marcadas pola Unión Europea serán un referente tamén as leis de Patrimonio Cultural de Galicia de maio de 2016, que lexitima os territorios históricos con medidas protectoras, e a Lei de Protección da Paisaxe de 7 de xullo de 2008, pedras angulares do exercicio da dignidade colectiva. Unha das primeiras medidas que tomará a Academia Galicia será demandar do plenario da Deputación de Ourense a declaración de “territorio histórico” para que sexa remitida á Xunta de Galicia que é a competente na materia.

O próximo día 28 do mes que andamos, ás 18,30 horas, lerán senllos discursos de ingreso na Academia no Salón de Graos Vicente Risco (4º andar do edificio de ferro do Campus de Ourense) dona Carme Eiró Bouza, Fiscala Superior de Galicia, que durante moitos anos exerceu na Audiencia Provincial de Ourense as funcións de responsable de medio ambiente e de Urbanismo de Galicia, e don Fernando Serrulla Rech, médico e antropólogo forense del Instituto de Medicina Legal de Galicia, unha figura clave na súa especialidade con grande predicamento na comunidade científica galego-portuguesa. O acto e aberto ao público.

Xosé González Martínez é Presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.