Abren investigación polo deficiente estado do Hotel Roma de Mondariz Balneario

Por parte do Defensor do Pobo ante a "inacción da Xunta de Galicia"

Mondariz Balneario | No ano 2021 a Valedora do Pobo instou sen éxito ao Concello a “evitar a súa perda, destrución ou deterioración”, ditando as ordes de execución que correspondan.

En outubro de 2019 a plataforma SOS Fonte de Troncoso presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario polo estado ruinoso do Hotel Roma, un edificio catalogado e protexido que forma parte do Catálogo de Bens Culturais de Galicia. Con todo, a nosa asociación nunca obtivo resposta do goberno galego, de aí que decidíramos presentar unha queixa formal ante o Defensor del Pueblo, con sede en Madrid.

O pasado día 13.03.2023 o seu titular, Ángel Gabilondo, respondeunos que “una vez estudiada su queja, tal como se le indicó en el acuse de recibo en su día enviado, procede admitirla a trámite porque reúne los requisitos establecidos en el artículo 54 de la Constitución, en relación con la Ley Orgánica 3/1981, de 6 de abril, que regula esta institución. Iniciada la actuación con la Consejería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades, se le dará cuenta del contenido de la información que se reciba y de los trámites que sigan.”

En data 24 de novembro de 2017 produciuse o derrube do teito e parte dunha parede do edificio, propiedade da empresa Rivas Vigo, S.L., localizado na rúa Constitución nº 13 desta vila de Mondariz Balneario, coñecido como Hotel Roma. En relación con este edificio, a consecuencia da denuncia formulada por SOS Fonte de Troncoso o día 8.10.2019, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abriu un expediente de dilixencias informativas co núm. VI-PO-114.19, téndose requirido información, sen éxito, ao Concello de Mondariz en varias ocasións.

Na publicidade do s. XX os propietarios deste hotel dicían que estaba “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.” Valedora do Pobo Segundo a Valedora do Pobo, que xa emitiu un ditame a respecto deste mesmo hotel en outubro de 2012, o Concello de Mondariz Balneario tamén é responsable do estado ruinoso deste edificio, xa que “incumpriu o deber establecido no artigo 3 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia sobre a colaboración interadministrativa.

Prevé a lei que as entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de:

a) Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.
b) Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados.
c) Comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.” As actuacións levadas a cabo ata o momento polo Concello “resultan claramente insuficientes para protexer un edificio que forma parte do catálogo patrimonial de Mondariz Balneario e está catalogado no planeamento urbanístico como unha edificación protexida. (…) 1 N° Expediente: 23007749 2 Nº Expediente: Q.3.Q/10/21 “En todo caso, o concello ten a obriga de facer cumprir o disposto no artigo 32 da citada Lei 5/2016: as persoas propietarias de bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Xa que logo, debería requirirse á entidade Rivas Vigo, S.L. o cumprimento dos seus deberes en relación coa edificación, nos termos que se estimen necesarios”. “O Concello de Mondariz Balneario ten a competencia para velar polo cumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación das vivendas e inmobles, de acordo co artigo 13 da Lei 8/2012 de Vivenda de Galicia, así como as ordes de execución que obriguen as persoas propietarias de bens inmobles a realizaren as actuacións necesarias para dar cumprimento a este deber, de acordo co artigo 136 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia.”