A Xunta restaurará a igrexa de Santo Domingo de Ribadavia

Cun prazo máximo de execución de 10 meses

Ribadavia | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse con representantes da Asociación de Amigos do Patrimonio Relixioso de Ribadavia, encabezada polo seu presidente, Juan Antonio Bande, e o párroco da vila para anunciarlles a licitación das obras de restauración da igrexa de Santo Domingo, nas que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vai investir 732.881,65 euros, e que terá un prazo máximo de execución de 10 meses, unha vez sexan adxudicadas as mesmas.

O delegado territorial destacou que este anuncio ven a dar resposta ás demandas que esta asociación veciñal lle trasladou hai uns meses ao conselleiro, Roman Rodríguez; e subliñou a importancia destas obras de restauración pola súa significación na comarca do Ribeiro e na provincia de Ourense e porque é considerada unha das mellores mostras do Gótico mendicante galego.

Para Gabriel Alén, o deber de conservar o patrimonio é esencial polo seu labor de identidade e de pertenza a unha comunidade singular da que somos herdeiros. “Esa obriga de conservar as raíces –continuou Gabriel Alén- lémbranos as responsabilidades que temos máis aló de nós mesmos e que debemos manter para as xeracións futuras”.

Actuacións previstas
A igrexa presenta problemas de estanquidade na cuberta, que están afectando á estrutura de madeira, e problemas de aspecto e conservación nos peches de pedra e nas proteccións das vidreiras. Entre as patoloxías que afectan ao inmoble e que se fai necesario e imprescindible atallar atópanse na cuberta onde se propón unha solución que aconsella a súa substitución: a tella está degradada e existen moitas rotas, a solución de tella tomada con morteiro de cemento e posiblemente apoiada sobre unha solución, utilizada habitualmente por Pons Sorolla, de taboleiro de baldosa de ladrillo e morteiro de cemento, impide unhas condicións ambientais e higrotérmicas axeitadas para a conservación do ben; existen elementos resoltos con materiais alleos ao carácter do ben (impermeabilización con pintura ao clorocaucho, canles de aluminio) e puntos singulares onde se detectan filtracións de auga.

Salvo na zona do cruceiro, as pezas que conforman a estrutura de madeira de castiñeiro (trabes e pontóns), aínda que recuperables, presentan signos desiguais de deformación, podremias localizadas nas cabezas dalgunhas trabes, ataques de organismos xilófagos (couza nas zonas de albura e ataques de termes nalgunhas das pezas), roturas dalgunhas pezas, e baixa calidade da madeira utilizada nalgúns pontóns (xemas, nós…).

Tamén se prevé intervir na fachada, as fábricas de pedra presentan colonizacións biolóxicas, arenizacións, desplacacións, xuntas de morteiro de cemento, costras negras, sucidade por lavado diferencial de depósitos en superficies horizontais… e nos elementos escultóricos singulares, que presentan colonización biolóxica en forma de plantas superiores, musgos, liques e microorganismos, presenza de diferentes rexuntes de cementos, desprazamentos nas fiadas inferiores e eflorescencias puntuais de sales, presenza de grafiti en fachada principal, costras negras, manchas de óxido nas ventás absidiais.

A portada gótica presenta un mal estado de conservación do material pétreo con erosión diferencial, ataque biolóxico sobre todo na zona da metade dereita e zonas baixas, numerosas intervencións, restos de policromía en zonas puntuais, mal estado do morteiro de rexuntado por toda a superficie e perda de adhesión do soporte, desprazamentos, fisuras e perdas matéricas, presenza de sales (nitratos e sulfatos), presenza de liques, fungos, musgos e plantas superiores, disgregación da pedra por acción das raíces, materiais non compatibles coa pedra como cementos. E nas proteccións das vidreiras que presentan corrosións, rotura ou perda xeneralizada da malla localizada nos bastidores e ausencia de protección nalgunha das vidreiras.

Convento e a igrexa de Santo Domingo
O conxunto do convento e a igrexa de Santo Domingo (ou San Domingos) de Ribadavia foi declarado Monumento Histórico Artístico no Decreto do 3 de xuño de 1931, polo que ten a consideración de ben de interese cultural. Ademais están situados no casco antigo de Ribadavia, que ten a consideración de ben de interese cultural coa categoría de Conxunto Histórico-Artístico e está incluído no catálogo do Plan especial de Reforma Interior do Casco Histórico.

O convento de Santo Domingo de Ribadavia foi, xunto co de Santiago, un dos primeiros que a orde dominica funda en Galicia. A súa fundación dátase entre os anos 1254 e 1258. A planta da igrexa está formada por tres naves separadas por piares de columnas, con cuberta de madeira e unha cabeceira rematada en tres ábsidas abovedadas.

Os capiteis presentan follas lobuladas labradas con finas incisións. A fachada principal consta dunha porta oxival coas arquivoltas decoradas con elementos vexetais e na clave do arco pódese ver unha estatua de San Domingos; encima escúlpense tres escudos e na parte superior ábrese un rosetón.

Outros artigos