A Xunta declara Ben de Interese Cultural ao colexio de Nosa Señora de Antiga de Monforte de Lemos

Un inmoble clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia

Monforte de Lemos | O Consello da Xunta vén de dar luz verde ao decreto polo que se declara ben deinterese cultural (BIC), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, o Colexio da Nosa Señora da Antiga, un inmoble clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia do municipio lucense. O recoñecemento supón, ademais, dar un paso máis na protección e posta en valor dos bens da Ribeira Sacra, que encara a súa recta final para a candidatura a Patrimonio da Humanidade.

O documento, que entrará en vigor despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), culmina o proceso iniciado en 2016, cando a Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude de declaración de ben de interese cultural.

Posteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborou un informe específico e solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos e no ano 2019 incoouse o expediente, momento en que se aplicou de forma inmediata e provisional a súa protección e se deu comezo á súa tramitación. Coa esta decisión, a Xunta reforza a súa aposta de conservación e a revalorización con este inmoble en que está investindo medio millón de euros.

En concreto, inclúense melloras na iluminación da súa pinacoteca ou actuacións para resolver problemas na bóveda do presbiterio ou nas carpinterías, entre outras. Este investimento parte do traballo de posta en valor dos bens patrimoniais da Ribeira Sacra desde o inicio da candidatura, que colleu un forte impulso coa declaración como BIC de todo o territorio.

Recta final da candidatura
O Goberno galego tamén constituíu a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, en que participan sete consellerías. No eido do Patrimonio, este compromiso concrétase en 4,5 M€ en 30 actuacións nos seus bens máis icónicos. É un traballo que forma parte da candidatura da Ribeira Sacra que encara a súa recta final, coa intención de que se resolvan na próxima sesión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en China no verán de 2021.

Ademais, a aprobación do decreto de declaración BIC do Colexio de Nosa Señora da Antiga enmárcase na aposta do Goberno galego pola conservación do patrimonio sobranceiro e na potenciación e recoñecemento dos seus elementos claves. Neste sentido, forma parte así dos máis 70 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, que facilitou a declaración e protección do patrimonio cultural cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e no patrimonio inmaterial.

Así, a día de hoxe, Galicia conta con 747 BIC, incluíndo entre as últimas incorporacións bens como a Igrexa da Atalaia de Laxe, o Mosteiro de San Martiño Pinario, o Parque do Pasatempo, a Terraza de Sada, entre outras. Ademais, o Goberno galego ten iniciados xa os trámites para outras declaracións BIC que se irán resolvendo nos vindeiros meses.

Ampliación da delimitación
No recoñecemento do Colexio de Nosa Señora da Antiga como BIC, o expediente está avalado por un informe previo da Real Academia Galega de Belas Artes e outro do Consello da Cultura Galega. Este último propuxo unha serie de melloras que se tomaron en consideración para dar unha maior solidez á declaración.

O expediente incorpora a ampliación da delimitación para incluír o Campo da Compañía, xa que este espazo estivera relacionado na súa orixe á propia construción do conxunto, e tamén a decisión de axustarse aos espazos inmediatos que rodean ao monumento no contorno de protección.

Á vista de todos os informes, o decreto xustifica a declaración no papel fundamental que representa o colexio de Nosa Señora da Antiga no desenvolvemento do Renacemento en Galicia e por ser clave para comprender a historia da vila de Monforte e o papel que tivo a Casa de Lemos na configuración deste núcleo. A declaración está xustificada tamén pola importancia do mecenado eclesiástico na España do século XVI e o proceso educativo impulsado polos xesuítas como arma da contrarreforma. Finalmente, é especialmente destacable que desde a súa fundación ata a actualidade, o colexio segue a cumprir a mesma función que cando foi fundado: a ensinanza.

Valor cultural do museo
O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, débese citar a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cobre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, en que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.

Historia construtiva
A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla don Rodrigo de Castro. Os seus biógrafos descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura, e tamén como un personaxe implicado na vida da corte de Felipe II. Nun momento da súa madurez, decidiu crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia, Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.

En 1586 comezou as conversas para a creación do colexio cos xesuítas, con que mantiña moi boa relación e cinco anos despois encargou a compra dos terreos e ao ano seguinte as obras saíron a poxa. As obras do colexio comezaron en 1593 co proxecto que redactaron Andrés Ruiz, un xesuíta da escola de Valladolid, e Vermondo Resta, o arquitecto do cardeal en Sevilla. O inmoble estivo ao longo da súa historia relacionado coa función educativa, se ben pasou por épocas de maior ou menor esplendor. Incluso por etapas de decadencia relacionadas cos danos consecuencia do terremoto de Lisboa (1755), coa expulsión dos xesuítas (1767), os saqueos das tropas francesas (1809) ou un incendio en 1824. Xa en mans dos pais escolapios, que se fan cargo do colexio no ano 1873, o edificio puido rematarse no primeiro cuarto do século XX grazas ao recoñecemento do valor e posterior venda dun dos cadros que constitúen a senlleira colección pictórica e de obras de arte do Colexio.

O cadro, obra do pintor flamenco Hugo van der Goes, vendeuse ao goberno alemán por unha importante suma económica que permitiu rematar as obras entre 1919 e 1930 co apoio e supervisión da Casa de Alba.