A Xunta de Galicia reforza o enoturismo na Ribeira Sacra

Sete empresas de Chantada e Sober son as beneficiadas

Sober | A Xunta de Galicia fomenta o enoturismo na Ribeira Sacra coa concesión de axudas por importe global de 581.000 euros a sete empresas do sector de Chantada e Sober; son en concreto as adegas Ribada, Vía Romana, Val de Lenda, Alma Galega, Cabo do Mundo e A man de Prado, e a área para autocaravanas Solpor Camperpark.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou estas dúas últimas para coñecer os seus proxectos. Solpor Camperpark ampliará o número de prazas. Este é un caso de negocio de éxito impulsado co apoio da Xunta de Galicia, xa que recibiu unha axuda para a súa posta en marcha a través de Agader e contou co asesoramento do Polo de Emprendemento situado en Monforte de Lemos. O pasado mes de decembro foi recoñecida co primeiro premio Agader de Desenvolvemento Rural no apartado de turismo.

A adega A man de Prado obtivo unha achega para acondicionar o exterior e unha sala de xogos e introducir outras melloras das instalacións. En xeral, os apoios están destinados a obras de adecuación para eventos e a ampliar a oferta de experiencias arredor da cultura vitivinícola e a gastronomía. Na provincia resultou beneficiaria tamén unha empresa de apartamentos turísticos en Ribadeo.

Esta liña de axudas para establecementos con encanto en destinos enogastronómicos enmárcase no Plan Territorial de Sostibilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia 2023-2025, que conta cunha dotación total de 34,5 millóns de euros cofinanciados pola Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resilencia.

Tamén se engloba neste plan o novo programa dotado con 3,5 millóns de euros que se convocará no último trimestre do ano para promover a mobilidade sostible no ámbito do enoturismo, con apoios á compra de bicicletas, patinetes eléctricos ou instalación de puntos de recarga, entre outras actuacións.

O delegado territorial destacou o potencial do enoturismo na Ribeira Sacra e afirmou que a Xunta “apoia ás empresas do sector para conformar unha oferta competitiva e sostible nunha das modalidades turísticas con maior crecemento a nivel mundial”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.