
Ourense | O Consello da Xunta de Galicia aprobou inicialmente o proxecto de interese autonómico (PIA) para desenvolver solo no ámbito do SU1 Escorial-O Vinteún, en Ourense, onde se prevén arredor de 1.435 vivendas, maioritariamente protexidas. Trátase do cuarto PIA que tramita a Xunta que acada a aprobación inicial, no marco da Estratexia galega de solo residencial que está a levar a cabo o Goberno galego.
O ámbito do PIA abrangue aproximadamente 134.345 m2 e está situado ao norte do núcleo urbano da cidade de Ourense, completa o barrio coñecido como O Vinteún no espazo existente entre a estrada N-525, a rúa do Vinteún e a zona industrial dos Coíñas. O sector limita co desenvolvemento existente da cidade ao norte da estación de tren. Está situado cerca do río Miño e presenta as características topográficas dun val, é dicir, o terreo ascende cara ao noroeste á medida que se afasta da canle fluvial (situada ao suroeste).
Ademais, existe unha pequena canle fluvial coñecida como Rego do Cudeiro, afluente do río Miño, que percorre o ámbito de noroeste a sueste. A proposta de ordenación prevé aproximadamente 1.435 vivendas, das cales mais do 80 por cento serán protexidas e o resto libres. As vivendas íntegraranse en bloques residenciais que se desenvolverán, na súa maioría, en planta baixa e entre tres e cinco alturas, graduadas desde as zonas centrais cara aos límites do ámbito.




