A Xunta de Galicia presenta o cupón da ONCE dedicado á olería tradicional de Gundivós

O cupón dedicado á artesanía de Galicia pertence á serie Arte á man

Sober | O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron na presentación do cupón da ONCE dedicado á olería tradicional de Gundivós (Sober), no marco do proxecto Arte á man impulsado pola ONCE para visibilizar a artesanía das diferentes comunidades autónomas. No acto participaron, entre outros, tamén o director da ONCE en Lugo, Francisco Javier Farnés; o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o oleiro Elías González, do obradoiro Rectoral de Gundivós, autor da peza que ilustra este cupón dedicado a Galicia. O sorteo terá lugar o 18 de marzo e está poñeranse á venda cinco millóns de exemplares.

A ONCE emite un cupón dedicado a cada unha das 17 Comunidades Autónomas, cos que se busca dar a coñecer e poñer en valor os oficios artesanais e as pezas máis características da artesanía española. A olería de Gundivós é unha das máis antigas da Península, a única de torno baixo que se conserva en Galicia e cunha cor negra característica debido ao seu acabado afumado. A peza que aparece no cupón do 18 de marzo é unha xerra de olería tradicional de Gundivós coñecida como xerra de bigotes pola decoración que ten e que impedía que vertese o viño. A parte interior da peza está impermeabilizada con resina natural.

Rectoral de Gundivós
Rectoral de Gundivós é un proxecto integral de artesanía e turismo, promovido polo oleiro Elías González, para revitalizar a olería tradicional de Gundivós, unha aldea tradicional en Sober (Lugo), no corazón da Ribeira Sacra, recollendo a tradición desta olería ancestral e transmitíndoa a través das pezas que realiza. Aprende o oficio de Agapito González – Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2023 – e no ano 2004 adquire un edificio do século XVIII que rehabilita como conxunto cultural e turístico, que alberga tamén o seu taller de olería, co nome de Rectoral de Gundivós.

A olería de Gundivós é unha actividade artesanal que chega practicamente intacta dende o século XV ata os nosos días. Trátase de pezas de barro autóctono, entre as destacan as escuras ámboas que foron utilizados durante anos para transportar o viño de Amandi, ou as xerras coa súa característica decoración de “bigotes”, como a que protagoniza o cupón presentado en Sober.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.