A Xunta de Galicia potencia 115 aulas tecnolóxicas de FP

A través dun investimento de 6,3M€

Foz | O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe unha das 35 novas aulas tecnolóxicas que se poñen en marcha este curso, o que fai que Galicia acade xa as 115 repartidas. Trátase da Aula de Torrado de Café do IES de Foz, dotada cun investimento de 55.000 euros, unha mostra máis da aposta pola modernización e a actualización constante da Formación Profesional.

Coa ampliación realizada este curso pola Xunta, o desenvolvemento destes espazos supón un investimento global de 6,3 millóns de euros nos últimos catro anos e consolida unha infraestrutura innovadora orientada á excelencia e á empregabilidade.

O titular de Educación, que estivo acompañado na visita na Mariña pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, subliñou que estes espazos “amosan como a FP se adapta ás necesidades reais do mercado laboral e forma profesionais capaces de responder ás esixencias do sector”. Engadiu tamén que iniciativas como esta “permítenlle aos estudantes coñecer espazos que mostran a dinámica dos centros de traballo, mellorando así a súa cualificación e empregabilidade”.

Os espazos de tecnoloxía aplicada teñen como finalidade reproducir ambientes laborais mediante equipamento avanzado. Segundo a especialidade de cada centro, poden incluír impresoras 3D, sistemas de realidade inmersiva, virtual ou mixta, tecnoloxías holográficas, ferramentas de intelixencia artificial aplicada ou equipos informáticos de altas prestacións. Cada aula está concibida como un referente no seu ámbito, favorecendo a colaboración entre administracións, centros e empresas, e reforzando a conexión entre o proceso formativo e as necesidades reais do mercado laboral.

No caso concreto da nova Aula Tecnolóxica de Torrado de Café do Instituto de Foz, reprodúcese un tostadeiro profesional que permite ao alumnado coñecer de primeira man o proceso completo do café, desde o tratamento do gran verde ata a preparación final do produto. Para iso, está equipada con maquinaria específica como dispositivos de medición de humidade, densidade e tamaño do gran, un muíño especializado para as probas de cata e un torrador profesional con capacidade para ata dous quilos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.