A Xunta de Galicia mellorará a capela de San Mauro, na Arnoia

Solucionará a ausencia de ventilación da igrexa e mellorará o acceso principal

Ourense | Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, visitou a capela de San Mauro para anunciar a adxudicación das obras para a mellora das condicións de humidade, nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai investir preto de 195.000 euros, cun prazo máximo de execución de catro meses.

Explicou que con esta actuación pretenderase resolver os problemas de estanquidade da cuberta e as afeccións producidas á súa estrutura de soporte de madeira, e de infiltracións de auga por capilaridade na zona da ábsida. Tamén, con esta intervención, búscase solucionar a ausencia de ventilación da igrexa, que provoca un ambiente inadecuado que non favorece a conservación das fábricas e o mal estado das carpinterías; e mellorar a accesibilidade do acceso principal.

Manuel Pardo incidiu na necesidade de que os bens patrimoniais continúen desempeñando un papel de cohesión elemental que realizan. “O patrimonio transcende ao propio territorio e vincula cada actuación sobre os principais ben culturais, polo que toda actuación legal que se acometa sobre este debe ser executada coa responsabilidade correspondente ao seu peso histórico”, sinalou.

A capela de San Mauro
A capela de san Mauro, cuxo orixe se estima no século XII, é unha edificación de pequenas dimensións e dunha soa nave rectangular con ábsida poligonal con contrafortes e muros portantes de perpiaños de granito. Composta por tres espazos consecutivos diferenciados, a cuberta se resolve a dúas augas na zona da entrada, a tres na zona central e a cinco na ábsida, todas elas con cubrición de tella.

No seu interior destaca a bóveda de pedra a base de nervios que cubre o presbiterio, o cal se eleva respecto á única nave que compón a capela mediante tres chanzos divididos en dous tramos. O teito que cubre o espazo intermedio está formado por unha estrutura de madeira a catro augas, cunha crave no centro. O tramo da entrada, de menor altura, probablemente engadido con posterioridade contaba con dous arcos de medio punto laterais, cegados no século XIX.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.