A Xunta de Galicia inviste 18.000 euros nos traballos arqueolóxicos da Fraga Raxada

No xacemento castrexo desenvolvense traballos de investigación e documentación

Ourense | Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, supervisou esta mañá en Lobios, acompañado da alcaldesa, María del Carmen Yáñez, os traballos arqueolóxicos levados a cabo na Fraga Raxada, aos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 18.000 euros. Unha actuación que, segundo explicou o delegado territorial, forma parte das intervencións arqueolóxicas que para o ano 2025 promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través do seu servizo de Arqueoloxía, destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia.

Neste xacemento castrexo “estanse a desenvolver traballos de investigación e documentación dunha área aproximada duns 60 m2 coa finalidade de ampliar a escavación na zona da torre e caracterizar axeitadamente a totalidade dos recintos e estruturas documentadas na campaña anterior” dixo o delegado. Tamén se levará cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D e un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos mobles recuperados, o tratamento dos mesmos e o depósito no museo correspondente.

A Fraga Raxada
O xacemento altomedieval da Fraga Raxada, sitúase na parroquia de A Cela, Lobios. Trátase dun tipo de asentamento, ata hoxe pouco estudado, propio da Alta e Plena Idade Media, caracterizado por construcións de marcada rusticidade adaptadas á propia orografía granítica do terreo. A súa singularidade aumenta coa presenza dunha fortificación de fundación e nome incertos. Ambos, torre e aldea, por agora ausentes nas fontes.

A tradición oral sitúa no cumio máis elevado da Fraga Raxada a chamada “Casa dos Mouros”, que os veciños de A Cela identifican cos restos dunha antiga torre cun amplo dominio visual sobre os vales do Salas, Limia e Arauxo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.