
Ourense | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que Xunta de Galicia leva investidos máis de 10M€ na posta en valor dos recursos e atractivos turísticos da provincia de Ourense. Xosé Merelles e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiron esta mañá na Delegación Territorial, aos compoñentes da laureada serie de televisión canadense sobre saúde e lonxevidade Health Explored, que estiveron a gravar en Ourense co apoio da Xunta, un documental onde se analizaron os factores determinantes da lonxevidade da poboación da provincia.
O director de Turismo salientou a potencialidade do destino Galicia, especialmente da provincia de Ourense, con recursos coma a paisaxe, a natureza, o patrimonio, a gastronomía e a tradición, entre outros, o que deu lugar a un modo de vida polo que amosou interese e agora quere difundir o programa Health Explored.
Xosé Merelles subliñou que a Xunta leva investidos un total de 3,8M€ en distintas convocatorias de mellora das infraestruturas en establecementos turísticos, concellos de menos de 10.000 habitantes, actuacións para eficiencia enerxética en establecementos, e aposta pola enogastronomía; ao que hai que engadir accións de promoción dos xeodestinos e das festas de interese turístico, patrocinios de eventos de proxección e melloras no Camiño de Santiago de Compostela.
Benestar do rural
O director de Turismo destacou a oportunidade que se presenta nesta provincia para o desenvolvemento dunha oferta de turismo xerativo capaz de contribuír ao desenvolvemento do rural. “Tanto é así, que concellos coma San Xoán de Rio traballan nunha programación ao redor desta realidade que se completa co Festival da Lonxevidade no mes de agosto”, subliñou.
Xosé Merelles puxo en valor a calidade de vida e o benestar do rural galego, especialmente o ourensán, como atractivos desta proposta turística, pilares á súa vez dunha oferta de turismo xerativo con experiencias enriquecedoras que respondan a necesidades de mobilidade, saúde e intereses culturais e vitais.
Precisamente, a promoción deste tipo de potencialidades xunto cos recursos e outros atractivos da comunidade son a base do plan de promoción que a Xunta desenvolver este ano en 30 mercados nacionais e internacionais. “Ao longo de 130 accións, o 76% en mercados internacionais e o 24% en nacionais, Turismo de Galicia desenvolveu un calendario de accións que lle permitiron estar presente en mercados coma o norteamericano, o australiano e o europeo amosando a nosa oferta diversa e de calidade”, afirmou.
O delegado territorial explicou que o propósito investigador deste programa, que se emite en 85 países cunha audiencia media en 200 millóns de fogares, é pescudar os determinantes de lonxevidade presentes na provincia, que conta con 350 persoas centenarias, excedendo os 120 por 100.000 habitantes que ostentan outras zonas lonxevas do mundo.
Manuel Pardo subliñou que para o desenvolvemento deste proxecto audiovisual, no que se abordarán temas de impacto na lonxevidade, como poden ser a dieta atlántica, o termalismo, os costumes arraigados ou o medioambiente; contouse coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, con varios integrantes da ‘Asociación Ourensividad’, e coa investigadora Ana Canelada.
Concretou que para o análise destes factores, realizouse unha visita a un dos balnearios da provincia para ver as propiedades das súas augas mineromedicinais; afondouse nas características da nosa alimentación con percorridos por espazos como a praza de abastos -coa análise de produtos de IXPs e DOPs-, ou a iniciación en hábitos e prácticas como as hortas de autoconsumo; e se profundou no papel que xogan elementos como o Camiño de Santiago na configuración deste modelo de vida.
O documental recollerá a participación de tres persoas centenarias da provincia, co obxectivo de exemplificar a lonxevidade ourensán a través de casos concretos de vidas saudables e activas, e definir este fenómeno como unha oportunidade que na maioría dos casos, vén acompañada dunha maior calidade de vida que permite ás persoas de máis de 65 anos vivir esta etapa de forma activa, poder viaxar e desfrutar de máis tempo cos seus.




