
Monforte de Lemos | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou o compromiso do Goberno galego co desenvolvemento turístico do territorio mellorando e impulsando os atractivos locais como fórmula para promover a actividade turística, xerar riqueza e avanzar no desenvolvemento económico da contorna rural.
Referíndose á Ribeira Sacra destacou que Turismo de Galicia está a apoiar distintas iniciativas locais enmarcadas nun plan de sostibilidade turística de destino que ten un investimento global de 2M€, que se suma a outro de Cascos Históricos e Vilas Termais, con outros 2M€, e tamén financiando accións do xeodestino Ribeira Sacra.
Así o puxo de manifesto durante a súa intervención no Foro Territorios Patrimonio 2025 que se desenvolve no parador de turismo de Monforte de Lemos e que reúne nesta paraxe a representantes de institucións, comunidades locais, expertos e proxectos de referencia nacionais e internacionais baixo o lema ‘Un patrimonio para habitar’.
Merelles destacou entre outras actuacións, a liña de axudas do seu departamento dirixida a concellos de menos de 10.000 habitantes na que se investiron este ano un total de 2M€ e que beneficiou a 67 concellos da comunidade. “Este apoio permitiu mellorar os recursos turísticos locais e promover a diversificación turística no territorio”, salientou. Tamén se referiu aos proxectos de mellora dunha decena de bens de interese cultural (BIC) repartidos por toda Galicia, nos que se están a investir máis de 20M€ que “ademais de contribuír ao mantemento do patrimonio, incrementarán o atractivo turístico das zonas nas que se atopan”.
Xosé Merelles tamén puxo o acento no Camiño de Santiago como un dos motores para o desenvolvemento económico dos municipios que atravesa. “Cada peregrino ten un impacto en gasto equivalente ao de 3 turistas nacionais”, dixo engadindo que o efecto das rutas xacobeas “ten un efecto descentralizador ao beneficiar a zonas de baixa densidade poboacional e focos alleos ao turismo”.




