
Santiago de Compostela | O impulso das reservas online da rede de albergues privados do territorio galego é o obxectivo do convenio asinado esta mañá polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles Remy, e o presidente da Asociación de Albergues Privados de Galicia (Agalber), Miguel Ángel Rodríguez.
Xosé Merelles explicou que a colaboración pretende entre outras finalidades, consolidar a plataforma Bookalbergue como o instrumento de referencia para a reserva de albergues privados no Camiño de Santiago. Deste xeito, tanto a Xunta como Agalber melloran a experiencia do peregrino e tamén a xestión dos propietarios dos albergues, contribuíndo ademais á reforzar a competitividade do sector.
Os albergues son unha modalidade de aloxamento extrahoteleiro e segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), entre xaneiro e setembro deste ano, aloxáronse nos albergues privados da comunidade un total de 928.450 persoas, un 4,6% máis que o pasado ano, que sumaron máis de un millón de noites, isto é un 2,1% máis que o pasado ano. Agalber aglutina á maioría dos albergues privados situados nos distintos trazados dos Camiños de Santiago.
A colaboración ratificada hoxe permite avanzar na dixitalización do sector, clave para a súa modernización e adaptación ás novas dinámicas dixitais. Así, a Xunta e Agalber colaborarán deseñando unha estratexia integral que inclúe accións de comunicación e redes sociais, mellora da experiencia de usuario, optimización e tradución da web a novos idiomas: alemán e francés, entre outros.
Aplicación móbil
Ademais, desenvolverase unha aplicación móbil e colaboracións externas con creadores de contido que permitirán ampliando o alcance en comunidades internacionais vinculadas ao Camiño de Santiago. Todo isto, “na aposta do Goberno galego por impulsar un turismo sostible, profesional e competitivo a partir das solucións dixitais da sociedade da información”, apuntou o director de Turismo.
Esta colaboración vén a establecer e aproveitar sinerxías entre os implicados na xestión e desenvolvemento do Camiño de Santiago nun momento no que se está a preparar a celebración do vindeiro Ano Xacobeo 2027.
Turismo de Galicia enmarca esta colaboración na Estratexia de Turismo de Galicia 2023 e no Plan Director dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia 2022-2027, na medida en que contribúe a consolidar o Camiño como un fenómeno sociocultural posto en valor desde o ámbito turístico que cada ano é máis percorrido.
Este ano, xa o fixeron máis de 522.000 peregrinos, o que obriga a apostar pola calidade con medidas que permitan unha adecuada xestión, a conservación e o mantemento deste recurso turístico cunha clara orientación á sostibilidade integral.




