
Sober | Javier Arias, delegado territorial de Lugo, trasladoulle hoxe o recoñecemento da Xunta a Rafa Centeno e a todo o equipo do restaurante Vértigo de Sober, que acaba de recibir a primeira estrela Michelín da provincia.
Arias visitou o establecemento acompañado do alcalde de Sober, Luis Fernández, para felicitar ao chef lucense tras lograr o prestixioso distintivo para este local, que puxo en marcha hai algo máis dun ano nas instalacións da adega Regina Viarum.
O delegado subliñou a oportunidade de promoción que supón para a provincia entrar a formar parte da ruta de restaurantes con máis renome do mundo. Valorou de maneira especial ”que este primeiro paso se dea dende o corazón da Ribeira Sacra e cun proxecto culinario vinculado ao territorio”, que “reivindica os produtos de proximidade” e enxalza “os atributos máis especiais que ten esta zona, como son a paisaxe e a viticultura”.
Tamén fixo fincapé en que a distinción chega na recta final da candidatura da Ribeira Sacra a obter o recoñecemento de Patrimonio Mundial pola Unesco, “unha declaración moi merecida que agardamos que sexa unha realidade en 2026”, dixo Arias.
“A gastronomía forma parte da nosa cultura e está presente en todo”, apuntou o delegado, quen salientou que tamén é un dos piares do festival 17º Ribeira Sacra, que vén de ser nominado como finalista en catro categorías á primeira edición dos premios TIIM Awards. Os galardóns entregaranse o vindeiro 10 de decembro en Valencia.
Arias lembrou que esta cita, que conta co apoio da Xunta, fusiona a música co mellor do patrimonio e a tradición culinaria da zona, e ten ademais como un dos escenarios o restaurante Vértigo, “nun enclave único que lle aporta, sen dúbida, un valor engadido que enriquece a experiencia cultural e gastronómica”.
Por último, o delegado incidiu en que a provincia lucense “pode presumir dunha gastronomía sobresaínte, con produtos de excelencia e magníficos profesionais”, polo que “debemos seguir divulgando o moito que temos para ofrecer no panorama culinario”. Na foto o alcalde de Sober, Luís Guitián, Rafa Centeno e Javier Arias.




