
Ourense | Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, desprazouse á sede da Asociación de Veciños de Vistahermosa para anunciarlle o comezo das obras para a renovación integral da OU-413 da subida ao Seminario, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste máis dun millón de euros.
Pardo explicoulles aos veciños que esta intervención implicará a mellora completa deste treito de medio quilómetro, que inclúe a reordenación do espazo, a mellora da mobilidade peonil mediante novos tramos de beirarrúa e novos pasos peonís. Deste xeito, as actuacións proxectadas consistirán na renovación e ampliación dos distintos servizos municipais como o abastecemento, o saneamento e unha nova iluminación pública.
Subliñou que se levará a cabo o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e incluiranse varias preinstalacións de servizos como a rede de semaforización. Tamén se acometerá a ampliación das beirarrúas, a reordenación das interseccións, a aplicación dun novo firme e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.
Trátase dun proxecto consensuado co Concello, que asumirá a titularidade da subida ao Seminario unha vez rematadas as obras, e no que tamén escoitamos as necesidades que nos trasladou a veciñanza, que verá moi melloradas as condicións para os seus desprazamentos
Plan de mellora
Manuel Pardo enmarcou esta intervención dentro do proxecto para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta vai investir máis de 2,8 millóns de euros. Nesta senso, detallou que ademais desta intervención inclúense as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, , Sáenz Díez, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada e Avenida de Zamora.
Durante a súa visita á sede da asociación, remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede.




