A Xunta de Galicia e Fundación Otero Pedrayo distinguen a institutos galegos

Foron beneficiados O Porriño, Vigo e Negreira por difundir no ‘Ano Oteriano’ a figura deste intelectual

Amoeiro | O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos galardóns da quinta edición dos Premios Otero Pedrayo para estudantes de Secundaria e Bacharelato e que distinguiu os institutos Ribeira do Louro, do municipio pontevedrés do Porriño, e o Castelao, de Vigo. Así mesmo, recoñeceu o valor dun traballo dun alumno centro Xulián Magariños, do concello coruñés de Negreira, e que será publicado na revista Trasalba.

No acto, que tivo lugar na Casa Museo do escritor, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñeceulle a este certame, impulsado desde a Fundación Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia, a “importante contribución para ampliar o coñecemento entre as xeracións máis novas do Patriarca das Letras Galegas, que se fai especialmente máis significativa nun edición que coincide co celebración do Ano Oteriano”.

Nesta quinta edición do Premio Otero Pedrayo, o xurado decidiu, por unanimidade, concederlle o primeiro galardón a Os camiños da vida, de Noa Rodríguez Muñoz e Sergio Lage, alumnos de Bacharelato do instituto Ribeira do Louro, do Porriño. Valoraron neste traballo a calidade da imaxe, a coidada edición e a excelente documentación.

A segunda distinción recaeu en Un meniño naipelo no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo e os seus veráns en Vigo (1895-1901), dun grupo estudantes do instituto Castelao, de Vigo. O xurado salientou o excelente labor de documentación e a implicación do alumnado.

A maiores deste dous premios, acordouse propoñer a publicación na revista Trasalba, que publica cada ano a Fundación Otero Pedrayo, do proxecto presentado baixo o lema Alon, de Juan Mosquera Magariños, alumno de Bacharelato do centro Xulián Magariños, de Negreira.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.