A Xunta de Galicia avanza nas obras de ampliación do complexo hospitalario de Ourense

Destina 52,6 M€ para a construción dun novo edificio e a reforma do Hospital Materno

Ourense | A Xunta de Galicia avanza nas obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, coa liberación de espazos e a retirada da pasarela entre o Hospital Cristal e o edificio Materno Infantil.

Ata o de agora, os traballos centráronse na liberación de espazos e na reposición de servizos necesarios para compatibilizar a execución das obras e o funcionamento do hospital.

Actualmente xa está despexado o andar -1 do Hospital Materno, restando só o traslado duns vestiarios que se prevé realizar no mes de outubro. Nos espazos dispoñibles están a executarse as demolicións sectorizadas de tabiquerías e o corte e desvío de instalacións do hospital.

Tamén se retirou a pasarela que comunicaba o Hospital Materno co edificio do Cristal, procedendo a demoler os espazos existentes baixo a mesma, como as antigas dependencias do 061 ou a zona de carga. A previsión é poder instalar a grúa torre no mes de outubro, que se situará nas dependencias liberadas polo 061.

Os traballos máis intensos están a centrarse na apertura de catas e recoñecemento de zapatas das cimentacións actuais para os reforzos estruturais que sexa necesario acometer. Tamén se continúa tomando datos da estrutura do Hospital Materno nas plantas actualmente despexadas.

Ampliación e reforma
O Goberno galego destina un investimento de preto de 52,6 millóns de euros a esta actuación estratéxica para a provincia de Ourense, que ademais xerará case 1.000 empregos.

O obxectivo desta actuación é a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense mediante a construción dun novo edificio de hospitalización e a reforma do actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos. O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade, conservándose só a súa estrutura. Estas actuacións permitirán poñer á disposición unha área pediátrica con 38 camas; área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas.