
A Rúa | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, visitou a adega Joaquín Rebolledo, na que a Xunta investiu máis de 177.000 para impulsar diversas melloras no marco da convocatoria de axudas a establecementos enoturísticos que supuxo un investimento global de 5,5M€. O investimento realizado nesta adega valdeorresa engádese ao doutras tamén situadas nesta comarca que suman un importe de case 400.000€ e que “serve para impulsar o enoturismo da comarca de Valdeorras”.
Xosé Merelles destacou que este compromiso intégrase nunha estratexia máis global con Valdeorras, na que a Xunta leva destinado máis de 2,8M€ que vai desde a promoción do xeodestino, a actuacións no Camiño de Santiago de Inverno e tamén á posta en valor de recursos turísticos dos concellos do Bolo, Larouco, A Veira, Carballeda de Valdeorras e Petín.
Merelles lamentou que, transcorrido máis dun ano desde que se asinase o protocolo entre a Conferencia Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello da Rúa para intervir no saneamento das Pinguelas, non se teñan dado pasos firmes na súa execución e non se actuase na posta en valor deste contorno patrimonial, vinculado coa tradición vitivinícola do concello. “É unha mágoa o desinterese e a falta de compromiso nesta actuación que sumaría importantes recursos turísticos para atraer máis visitantes á Rúa”, afirmou.
En concreto, o proxecto na adega visitada consistiu nunha intervención sobre dous espazos dentro da iniciativa ‘Espazo dos sentidos do viño’. Trátase do espazo A Cova e a Sala de Catas, a antiga destilería, que experimentarán unha renovación para adecuarse á iniciativa, así como aos novos estándares de calidade.
A iniciativa ‘Espazo dos sentidos do viño’ busca xerar unha nova área de negocio baseada no enoturismo, aproveitando o potencial turístico das zonas vitivinícolas. Para isto, planéase a creación de novas experiencias, baseadas na tradición e no patrimonio da comarca. Estas serían a visita ás instalacións, a proposta de deseño de etiquetas, picnic entre viñedos, o plan adegueiro por un día -incluíndo a plantación dunha vide-, música ao vivo e exposicións temporais. Esta previsto que se poñan en marcha en febreiro.




