A Xunta de Galicia aposta pola calidade na Festa do Requeixo e Mel nas Neves

Agradeceu a colaboración da Escola de Hostalería

As Neves | O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, asistiu esta mañá á XXXI Feira do requeixo e mel do concello pontevedrés das Neves acompañado do alcalde desta localidade, José Manuel Alfonso.

Na súa intervención José González agradeceu o seu esforzo a todas as persoas que fan posible esta feira e, nomeadamente, ao alumnado da Escola de Hostalería que participa no concurso. Neste sentido, puxo en valor este produto definíndoo como “un queixo certamente particular” cunha “historia profundamente galega” que “fala de tradición e de calidade”. Salientou tamén a unión deste produto co mel, o outro protagonista deste evento.

O titular do Medio Rural en funcións, que entregou o segundo premio do concurso de “Receitas con Requeixo”, afirmou que dende a Xunta se está a traballar para continuar motivando de xeito decisivo o consumo de “todas e cada unha das nosas producións”. Galicia conta na actualidade con 38 certificacións baixo a denominación de Experiencias de Calidade. Neste eido destaca tamén a recentemente aprobada Lei da calidade alimentaria, norma encargada de regular este tipo de ámbitos e que “está a asentar a produción de proximidade, san e sostible”, explicou o conselleiro.

A promoción é un dos eixos principais da aposta do Goberno autonómico polos produtos alimentarios con selo de calidade diferenciada. Seguindo esta liña, e potenciando o esforzo de anos anteriores, xa está activo o Plan anual de Promoción de produtos alimentarios galegos, dotado cun orzamento de 9,5 millóns de euros para o 2024, que ten como finalidade aumentar o posicionamento destas producións e mellorar os seus prezos para que os produtores poidan conseguir rendas e garantir así a sustentabilidade económica de todos os elos da cadea de valor do sector alimentario de Galicia.

Así, José González avanzou que dentro desta planificación estanse a desenvolver dúas campañas de promoción específicas para o selo de Artesanía Alimentaria e da IXP Mel de Galicia, por un valor conxunto de 450.000 euros, e que implementaranse nos vindeiros meses deste mesmo ano. De seguido, salientou que “investir en promoción non só facilita a venda do produto, senón que exerce unha protección maior deste último e protexendo ao produtor”.

Neste sentido, fixo referencia ás estratexias sectoriais deseñadas e executadas pola Consellería do Medio Rural para todos aqueles sectores fundamentais para Galicia, como son o lácteo, o vitivinícola, o cárnico e o hortícola. Ademais, destacou o Plan Apícola, dotado este ano con 1,5 millóns de euros e “totalmente pioneiro”, que permitirá axudar aos apicultores galegos, especialmente no relativo á loita contra as agresións das colmeas.

O titular do Medio Rural en funcións lembrou tamén que se está a traballar no plan de choque contra a avespa velutina para proceder á retirada temperá dos niños e á realización dun trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado para poñer “todo o noso tesón” para combater esta especie invasora.

Recuperación da terra agraria
José González sinalou a produción de calidade en Galicia como “unha panca de acción en prol do futuro rural” estreitamente vencellada cos instrumentos de recuperación. De feito, na localidade pontevedresa das Neves está prevista a posta en marcha da aldea modelo a Porteliña, que se atopa en fase de sinaturas e que permitirá recuperar preto de 35 hectáreas.

Este tipo de figuras, como os polígonos agroforestais ou as permutas de especial interese agrario, están contempladas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, deseñada poñer en valor terras con boa capacidade produtiva en estado de abandono ou infrautilización co fin de fixar poboación no rural e favorecer a remuda xeracional.

Por último, animou a todos os asistentes a consumir requeixo e mel, así como outras producións de calidade galegas para “facer dos nosos produtos os principais protagonistas e dos nosos produtores e produtoras, as principais beneficiarias”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.