
Ribadavia | O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición Manuel Chamoso Lamas na mirada, un proxecto, apuntou, “que pretende afondar na actividade a prol do patrimonio promovida por este arqueólogo e investigador, e o seu compromiso coa cultura”.
O representante da Xunta fixo fincapé en que se trata “dunha mostra que xorde dos proxectos levados a cabo no instituto que leva o nome do persoeiro no Carballiño e que dá conta da implicación da xente moza coa historia da súa terra”. Nesta liña, felicitou aos participantes neste traballo que se materializa nunha serie de paneis con fotografías antigas e actuais de escavacións arqueolóxicas, monumentos e lugares que conforman unha boa parte do patrimonio cultural das comarcas do Ribeiro e do Carballiño, nas que Chamoso tivo unha intervención decisiva.
Fixo referencia á colaboración do Centro de Estudos Chamoso Lamas, a través do historiador Xosé Luis Sobrado, que estivo apoiando nesta proposta ao alumnado do centro educativo co obxectivo común, puntualizou Anxo M. Lorenzo, “de pór en valor as importantes accións que Chamoso levou a cabo na defensa do patrimonio histórico e artístico galego, para ampliar o seu coñecemento”. Así mesmo, agradeceu a presenza no acto da filla e da neta do homenaxeado, Ángeles Chamoso e Cristina Eisermann, e o seu apoio coa doazón de materiais da súa colección particular.
A exposición fai un percorrido a través de 32 pezas polas actuacións máis destacadas que o ourensán realizou e divulgou por toda Galicia poñendo o foco en cidades e núcleos históricos como Santiago de Compostela ou Muros. Ademais das imaxes, tamén se amosan publicacións como libros, revistas ou guías do autor e a filmadora que utilizaba para gravar os bens patrimoniais.
Fundador do Museo das Peregrinacións e de Santiago
Nado na Habana, Manuel Chamoso Lamas instalouse coa súa familia de novo na localidade ourensá de Boborás, a súa terra de orixe. Estudou en Madrid Dereito e Filosofía e Letras, doutorándose en 1933 cunha tese sobre o barroco en Galicia. Distinguiuse polo seu traballo na conservación e restauración do patrimonio galego, sendo fundador e director do Museo das Peregrinacións e de Santiago e presidente da Real Academia de Belas Artes da Coruña, contribuíndo cos seus estudos a afondar no coñecemento da arte relixiosa galega, nomeadamente a relacionada coa catedral compostelá.




