A Xunta de Galicia actúa no Castelo do Bolo e no Santuario das Ermidas

Turismo de Galicia leva investidos nesta zona máis de 2,8M€ nos últimos dous anos

O Bolo | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá dous recursos do Concello do Bolo nos que actuou recentemente a Xunta de Galicia mellorando e optimizando estes espazos patrimoniais e incrementando o interese turístico por esta zona. Xosé Merelles destacou “a importancia da actividade turística no rural capaz de dinamizar o desenvolvemento económico desta contorna e xerar riqueza e benestar entre a cidadanía”.

Merelles visitou en primeiro lugar a actuación realizada no castelo do Bolo que permitirá incrementar os servizos aos visitantes do espazo. A actuación consistiu no reacondicionamento dunha edificación destinada a lavadoiro para a súa adaptación de cara á prestación de servizos a usuarios e visitantes do castelo. Turismo de Galicia investiu nesta actuación un total de 30.000 euros financiados no marco da convocatoria pública dirixida a concellos de menos de 10.000 habitantes á que se destinou un total de 2M€.

A continuación, o director de Turismo de Galicia visitou o santuario de Santa María das Ermidas onde supervisou a restauración de varias obras artísticas ubicadas no seu interior que contaron co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, interveuse no retablo do camarín así como en catorce obras pictóricas en 2024 e neste 2025 . Entre eles, restauráronse os retratos de san Vicente Ferrer e o bispo Antonio Senso Lázaro. O retablo do camarín data de época barroca, mentres que os cadros restaurados son dos séculos XVIII e XIX.

Merelles Remy destacou que se trata de varias actuacións que revalorizan estes dous elementos referente do patrimonio arquitectónico do Bolo. O castelo data dos séculos XII e XIII, e acolle un centro de interpretación que narra a evolución do castelo desde a súa orixe ata a actualidade. Na contorna do castelo celébrase a Feira Irmandiña, que este ano alcanzou a terceira edición.

O santuario foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2006. É unha xoia do barroco galego e un dos principais santuarios marianos de Galicia xunto ao de Muxía. “Os dous recursos son unha clara aposta da Xunta por un turismo auténtico que amose aos visitantes a singularidade do destino”, afirmou.

Xosé Merelles destacou que o seu departamento leva investidos máis de 2,8 millóns de euros nesta comarca entre 2024 e 2025 impulsando o enoturismo da zona, mellorando a seguridade do Camiño de Inverno e tamén os recursos turísticos dos concellos de Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín.

Finalmente, o director de Turismo, referiuse aos datos turísticos da provincia de Ourense que indican que de xaneiro a outubro deste ano recibiu a visita de máis de 289.000 viaxeiros que fixeron 560.658 noites en establecementos hoteleiros. Salientou ademais o incremento rexistrado en turistas internacionais que medraron o 5,5%.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.