A Xunta construirá en Montederramo un novo centro de saúde

Cuadriplicará a superficie do actual

Montederramo | O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Montederramo, Antonio González Álvarez, supervisaron a visita que persoal técnico do Sergas fixo á parcela proposta polo concello para a construción do novo centro de saúde.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro.

O goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Montederramo tendo en conta que o actual centro de saúde, de 33 anos de antigüidade, comparte espazos con outras actividades municipais e que presenta múltiples carencias, deficiencias estruturais, funcionais e de accesibilidade que dificultan unha atención de calidade.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional que contempla unha consulta de medicina, unha consulta de enfermería e unha sala polivalente, da que carece o actual inmoble, ademais doutras estancias como sala de xuntas para o persoal. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro, con case 405 m2 cuadriplique en superficie ao actual, que apenas chega aos 100 m2.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan.

Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Para facilitar a localización das parcelas, o conselleiro indicou a cada concello os requisitos para as dimensións do centro proxectado, que no caso de Montederramo concretábanse na necesidade da cesión dunha parcela cunha edificabilidade de 404,6 m2.

Unha vez respondida esa solicitude por parte do Concello coa oferta dunha parcela a consellería de Sanidade deu inmediata resposta organizando esta visita técnica aos terreos para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos