• Segue conectado
  • |

“A Xunta considerou sempre o galego máis como un problema que como un obxectivo”

Isaac Lourido | Profesor na UDC

Isaac Lourido é profesor na Universidade da Coruña, doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago. Foi Premio Carvalho Calero en 2014 por História literária e conflito cultural. Bases para umha história sistémica da literatura na Galiza. A súa postura tanto lingüística como ortográfica fai que a súa opinión no ano Carvalho Calero, sexa de importancia, tanto pola análise da figura do homenaxeado como das posturas que este defendeu no seu día.

Que supuxo para ti que Caravalho Calero teña o seu Día das Letras Galegas?
Empezarei dicindo que a miña visión tando do Día das Letras como da Real Academia Galega é bastante crítica. A min interésanme máis o tipo de homenaxes ou celebracións que non dependan do que decida un grupo de señores, porque a maioría son señores e de determinada idade. Creo que deberiamos depender menos da RAG e do Día das Letras Galegas. Deberamos pensar en modelos de celebrar ou homenaxear máis descentralizados e máis horizontais. Mais por outra parte, como son persoa de práctica reintegracionista e dado que Carvalho tamén foi académico, tamén me parece que con este día tamén se cumpre ou se repara unha débeda histórica. Tamén é unha resposta ao que era unha demanda moi estendida en toda a cultura galega. Estou distante mais tamén lle vexo cousas positivas.

Escoller para este ano a Carvalho Calero podería incomodar á Xunta?
Non creo, porque tanto os actos da Academia como da Xunta son moi institucionalizados e ritualizados. O único que pode incomodar de Carvalho Calero é a ortografía, letra arriba, letra abaixo. A Xunta vén dando nos últimos anos unha apertura ao que é a lingua portuguesa, polo menos de vistas para afora. Entón, creo que dalgunha maneira ese risco está controlado. Por outro lado, tamén podemos estar diante dunha estratexia da RAG para acabar coa cuestión de Carvalho e ese “pequeno problema” e para a Xunta pode funcionar da mesma maneira.

Esa apertura da Xunta cara o portugués non é outra maneira de mostrar complexo de inferioridade a respecto da variedade ao norte do Miño?
A postura da Xunta sobre o portugués é a de lingua estranxeira. Non se mira como variante do galegoportugés. Vese como lingua estranxeira á que lle aplican coa lei Paz-Andrade, onde ten unha certa valorización por cuestións económicas e sociais ademais de culturais. Mais considero que as persoas que consideran que galego e portugués son a mesma lingua ou que debera ter máis presenza en Galicia, seguen mantendo as mesmas posturas críticas coa Xunta sobre o galego.

Coa homenaxe a Carvalho Calero, poderíase falar dun paso cara o entendemento das dúas posturas ortográficas?
Isto segue sendo unha homenaxe a unha persoa que quería unha determinada ortografía así como que se falase dunha lingua nacional e non autonómica. Se iso pode axudar a medio ou longo prazo a que haxa algún cambio na ortografía do galego, ou o uso en escolas e outros contextos, son moi pesimista. Simplemente porque este é un día para estudar a unha persoa, coñecer a súa figura e para o outro ano será outra persoa. Mais que haxa cambios na ortografía oficial ou na maneira de escreber o galego, se segue dependendo do Instituto da Lingua Galega e da RAG, creo que non vai haber posibilidade de cambio.

Entón, a actitude do goberno autonómico de cara o idioma do país…
É unha actitude de non facer nada. Hai quen di que é unha actitude hostil e frontal contra o galego. Non o vexo tanto así, pois o galego ten unha presenza no que se considera politicamente correcto. Ninguén di explicitamente que está contra o galego. A política deste goberno e doutros anteriores é a de deixar facer. O galego está nunhas condicións en desabantaxe con respecto ao español. Deixar facer permite que se perda número de falantes. As estatísticas non menten, houbo un descenso brutal de falantes, sobre as competencias cada vez máis xente sabe escreber mellor en galego, mais temos unha baixada moi forte en competencias orais. As actitudes negativas frontais desaparecen, mais temos outros prexuízos novos como o que o galego prexudica para facer a selectividade. Cando a Xunta ofrece datos sobre o galego, só pode presumir das competencias escritas, do resto non pode presumir.

Pódese reverter esta situación?
Si, mais só cunha mudanza radical do tipo de política e planificación lingüística. Políticas activas en favor do galego, implementadas sobre todo a través da educación obrigatoria. Porque aí é onde chegas á maioría da xente. Co PP isto non interesa, tería que haber un cambio de goberno e poder implantar cambios de políticas e un cambio de política moito máis ambiciosa. Noutras CCAA as cousas funcionan mellor, certo que as situacións de partida son diferentes. En relación coa Xunta, esta sempre considerou o galego máis como un problema, máis que un obxectivo a conseguir. Cando estaba o bipartito foi moi sintomático que a Secretaría de Política Lingüística estivese ocupada por unha persoa designada polo PSOE. Os socialistas temían que se esa secretaría a levaba o BNG, a lingua podería ser unha cuestión problemática. Durante o bipartito, no sector educativo avanzouse timidamente e montouse a que se montou. Se ese goberno continuase, teríase consolidado esa liña, tímida ao meu ver, de consolidar o galego no ensino. Pecaron de falta de ambición, en comparación co actual goberno, era moito máis positivo.

Publicado o 21 Mai 2020 en Entrevistas, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies